ConcellosEntroido 2025PetínÚltima horaVídeos

Os Arrieiros estrean máscara no seu encontro de folións en Petín

 

Quince días despois da primeira xuntanza de folións, na tarde deste sábado 15 de febreiro tiña lugar a segunda, desta volta organizada polo Asociación Arrieiros de Petín que contaba cunha decena de folións e a presentación dunha nova máscara.

 

 

Pasadas as catro da tarde, coma sempre na zona das adegas de Petín, eran os anfitrións, o Folión Os Arrieiros, os que abrían o desfile, dirixidos nesta ocasión por unha nova máscara de recente creación que se suma ao clásico Minotauro, percorrendo parte da zona vella da vila antes de rematar na praza.

De seguido facíano o resto de folións. Non faltaron á cita os clásicos: o Folión de Buxán, Os Labregos de Trives, O Tameirón, Chandrexa, O Irrio de Castro Caldelas e A Caniceira de Trives, incorporándose este ano O Fiadeiro (antes As Maceiras de Trives), o Folión de Sobrado e o Folión de Valdín-Porto As Tablillas (o límite entre as provincias de Ourense e Zamora), de recente creación.

 

 

Tralo desfile, tocando e animando o ambiente polas rúas e praza, a xuntanza remataba coma sempre cunha pinchada no pavillón do Teleclub por xentileza dos organizadores.

 

 

A seguine cita para o Folión Os Arrieiros será o Xoves de Compadres, 20 de febreiro, cando sairán de novo a tocar por Petín.

 

 

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button