Fieis á cita, máis de 300 persoas desfrutaron como cada verán das Xornadas de Folclore Internacional celebradas na noite do 7 de agosto no Patio Santa Leonor, na Pobra de Trives. Unha noite de danza, música e cor con tres grupos sobre o escenario.
Dende a cidade de Cali, Colombia, a Compañía Artística Danzar presentou as súas coreografías acompañadas dun colorido vestiario; procedente da cidade francesa de Toulon o grupo Hei Show Tamure está constituído pola comunidade de Tahití residente no sur de Francia; e por último, o Grupo Poltava procedente da cidade canadense de Regina presentou un espectáculo multicultural que celebra a beleza do espírito humano.
En Trives, as XXXV Xornadas de Folclore Internacional comezaban, despois da estrea na capital, a súa xira pola provincia de Ourense que se estenderá ata o vindeiro 15 de agosto.
Fotos: Concello da Pobra de Trives.