CulturaCulturaÚltima hora

Os Bolechas comezan a xira ourensá no Barco e Trives

A familia creada por Pepe Carreiro percorrerá nove vilas da provincia con obradoiros e xogos para os cativos
A familia Os Bolechas cun grupo de nenos en Ourense.
A familia Os Bolechas cun grupo de nenos en Ourense.

A popular familia Os Bolechas, inicia mañá sábado 11 de abril, no Barco de Valdeorras, a súa xira pola provincia de Ourense, percorrendo nove vilas coa súa caravana, na que non faltarán o vistoso R4 e o espectacular autobús de dous pisos cheo de xogos e actividades para toda a familia: obradoiros de debuxo e chapas, karaoke, ludoteca, aula de informática, xogos interactivos karaoke, animación e ata cine.

Esta iniciativa de dinamización infantil, promovida pola Deputación de Ourense, pretende dar a coñecer entre os máis novos a riqueza natural, patrimonial e cultural que ofrece a súa provincia. Por iso, todas as nenas e nenos que se acheguen á Caravana Bolechas levarán de forma totalmente gratuíta o libro “Os Bolechas van a Ourense” que narra as aventuras dos irmáns no aniversario da súa curmá, Ying, que celebran en Manzaneda. Ademais, poderán participar nos sorteos que terán lugar diariamente ao rematar a xornada en cada localidade e levar agasallos, desde libros-CD ata cursos de inglés. E, por suposto, non faltarán os Bolechas corpóreos, que visitarán tódalas vilas de 17 a 20h, malia que a Caravana Bolechas chegará ás vilas ás 12:30h. e estará aberta ata as 20:30h.

A Caravana Bolechas percorrerá nove vilas da provincia de Ourense.
A Caravana Bolechas percorrerá nove vilas da provincia de Ourense.

A xira arranca mañá no Barco de Valdeorras, coa caravana instalada na praza do Concello. O domingo 12 abrirá as súas portas na praza de Abastos da Pobra de Trives; o luns 13 na praza García Barbón de Verín; o martes 14 na praza Carlos Casares de Xinzo de Limia; e o mércores 15 na praza da Constitución de Bande. O xoves 16 a Caravana Bolechas recalará en Celanova; o venres 17 na praza Maior de Ourense; o sábado 18 no Carballiño; e o domingo 19 de abril remata a xira nos Jardinillos de Ribadavia.

Artigos relacionados

Back to top button