CulturaCulturaÚltima hora

Os cadros de Sofi Modebadze, no escaparate de Miranda Moda no Barco

A artista xeorxiana amosa a súa intensa e colorista plástica dentro do proxecto "MirArte" ata finais de mes

Foto: A.R.

 

A colorista e intensa plástica de Sofi Modebadze volve reencóntrase coa veciñanza de Valdeorras. Desta volta dende unha sala de exposicións moi especial: o escaparate de Miranda Moda, na avenida Conde Fenosa, en pleno centro da vila. Esta artista, nacida en Xeorxia en 1984 e actualmente veciña do Barco, súmase agora ao proxecto expositivo de “MirArte”, que esta tenda barquense creaba no 2009 co fin de “poñer en valor a arte de Valdeorras”.

Dende o 8 de maio e ata finais de xuño, seis dos seus cadros poden contemplarse no citado marco expositivo, xunto a manequíns con prendas de Miranda Moda. Son obras figurativas e nelas adquiren especial protagonismo os rostros, tocando temas moi actuais. “Soy Real no perfecta”, escribe en letras brancas sobre fondo vermello nun dos cadros.

Sofi Modebadze pinta dende ben meniña. “Dende que teño memoria, sempre me recordo pintando, o que me levou máis tarde a estudar Belas Artes no meu país”.

 

A artista Sofi Modebadze./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Hai cinco anos chegaba a Valdeorras e asentábase no Barco, onde seguíu expresándose a través dos pinceis e descubría un soporte moi especial para a súa pintura: a lousa. “Vivo felizmente aquí e estoulle sumamente agradecida a esta terra e ás súas xentes polo acollemento”, explica.

Considera que a arte é o mellor vehículo de comunicación que existe, por iso fala a través das súas obras “porque é un idioma que todos entenden, a mensaxe da miña pintura é a miña mensaxe para o mundo. A vida é pintar sen borrar”.

 

Foto: A.R.

 

E por iso escollía esta última frase como título para a exposición que realizaba o pasado febreiro no Casino do Barco e tamén para a escolma de cadros cos que agora se asoma de novo á rúa, para compartilos co público a través do escaparate de Miranda Moda.

 

Foto: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button