PolíticaÚltima hora

Os candidatos do PP por Ourense ás eleccións xerais visitan Valdeorras

Achegábanse ata á Cooperativa Virxe das Viñas da Rúa e á sede do Clúster da Pizarra de Galicia en Sobradelo

Os candidatos do PP por Ourense nas vindeiras eleccións xerais viaxaban na mañá do 22 de outubro á comarca de Valdeorras para manter encontros  con representantes de sectores produtivos de relevancia como o sector vitivinícola e o da lousa, ademais de interesarse por aspectos relativos ás infraestruturas.

Así os membros das candidaturas populares ao Congreso (Celso Delgado e Avelino García) e ao Senado (Miguel Ángel Viso e Carmen Leyte), acompañados por representantes municipiais da Rúa, O Barco, Carballeda de Valdeorras e Vilamartín, achegábanse en primeiro lugar ata A Rúa onde visitaban a Asociación Agraria de Galicia e, despois, a Cooperativa Virxe das Viñas.

A continuación desprazábanse ata Sobradelo (Carballeda de Valdeorras) para manter un encontro cos membros do Clúster da Pizarra de Galicia. Alí os candidatos constataron a enorme importancia deste sector e recibiron información por parte dos representantes do sector sobre os problemas ambientais, laborais, urbanísticos e de fiscalidade que lles afectan, comprometéndose a buscar solucións no ámbito da Cortes Xerais.

No referente ás infraestruturas, os candidatos populares criticaron a demora na licitación das obras do tramo Villamartín de la Abadía-Requejo e reivindicaron a importancia de mellorar o trazado e as prestacións da estrada OU-533, de modo que conte coas características axeitadas para comunicar a futura autovía A-76 desde Valdeorras coa autovía A-52 e coa nova estación de AVE na Gudiña.

Na estación da Rúa, os candidatos amosaron a súa preocupación polas probas que está realizando Renfe na liña Galicia-Barcelona, co obxectivo de substituír tanto as locomotoras como os vagóns do tren-hotel por modelos máis vellos, máis lentos e de inferior calidade que xa sufriron avarías, cos consecuentes retrasos para os usuarios.

Por ese motivo xa foron presentadas iniciativas no Parlamento galego. “Non se pode permitir que as liñas que pasan por Valdeorras sexan o desguace de Renfe, onde se reutilizan as máquinas e vagóns que non queren noutras partes de España”, denunciamos os populares.

Fotos: Carlos G. Hervella agás a última da galería que é cedida.

 

Artigos relacionados

Back to top button