DeportesÚltima hora

Os cativos de Valdeorras poderán participar en “EsquiOU 2020” entre o 17 e o 19 de febreiro

Oca Manzaneda e Deputación de Ourense poñen en marcha o programa que nesta edición oferta 840 prazas para os nados entre o 1 de xaneiro de 2008 e o 31 de decembro de 2011

Gustavo Samartín, Rosendo Fernández e Bernardino González.

 

Un ano máis, a Deputación de Ourense, en colaboración con Oca Manzaneda, pon en marcha a iniciativa deportiva “EsquiOU 2020” que nesta ocasión oferta 840 prazas, para os nados entre o 1 de xaneiro de 2008 e o 31 de decembro de 2011, divididas en oito quendas de 105 persoas por cada unha. A presentación desta proposta deportiva tiña lugar na mañá do 28 de novembro no Pazo Provincial, coa asistencia do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; do asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González; e do director xeral de Oca Manzaneda, Gustavo Samartín.

Rosendo Fernández explicou que “tendo en conta a gran demanda e o éxito desta iniciativa deportiva nas pasadas edicións, ampliouse a oferta de prazas incorporando unha nova quenda para a comarca de Ourense”. O obxectivo é, en definitiva, que “a mocidade da nosa provincia aprenda, a través do EsquiOU, a esquiar cun programa de actividades nas instalación da Estación de Montaña de Manzaneda”, engadiu o vicepresidente da Deputación de Ourense. Pola súa parte, Gustavo Samartín dixo que non tiña dúbidas de que “esta nova edición volverá a ser un éxito como nas anteriores porque notamos que os rapaces gozan de esta experiencia, da convivencia e de aprender a esquiar na estación de montaña de Ourense e a estación de esquí de Galicia, que tamén foi escola de rapaces que acaban competindo”.

 

Presentación de “squiOU 2020”.

 

A duración desta actividade é de tres días – dúas noites, de luns a mércores, e inclúe aloxamento, pensión alimenticia, curso de esquí e outras actividades complementarias. O programa desenvolverase por quendas nas que se fai un reparto dos nenos por proximidade xeográfica para lograr grupos máis homoxéneos. A primeira quenda será do 20 ao 22 de xaneiro para as comarcas da Terra de Celanova e Baixa Limia; a segunda quenda, do 27 ao 29 de xaneiro, será para as comarcas de Allariz, Maceda e A Limia; continúa do 3 ao 5 de febreiro para as comarcas do Ribeiro e do Carballiño; do 10 ao 12 de febreiro para Verín e Viana; do 17 ao 19 de febreiro para Valdeorras; do 24 ao 26 de febreiro será a primeira quenda para a comarca de Ourense; do 2 ao 4 de marzo para Terra de Caldelas e Terras de Trives; e, por último, do 9 ao 11 de marzo será a segunda quenda para a comarca de Ourense.

A inscrición no programa pódese realizar a partir de hoxe a través do correo electrónico esquiou@depourense.es. O prazo para presentar as solicitudes remata o día 15 de xaneiro de 2020 ás 14 horas. Cada participante aboará unha cantidade de 29 euros.

Artigos relacionados

Back to top button