CarballedaConcellosEn portadaO BarcoRubiáÚltima hora

Os centros de ensino barquenses, de Rubiá e Sobradelo xúntanse co Barco CCA para festexar as Letras Galegas

Do 10 ao 31 de maio desenvolverán a campaña "Francisco Fernández del Riego: tecedor de redes"

 

Unha interesante escolma da inxente epistolografía de Francisco Fernández del Riego sae á rúa no marco da celebración do Día das Letras Galegas. E faino ademais dun xeito moi especial grazas ao labor dos Equipos de Dinamización e do alumnado dos 6 centros de ensino barquenses, así como dos de Rubiá e Sobradelo e coa colaboración do Barco Centro Comercial Aberto (CCA).

Trátase da campaña “Francisco Fernández del Riego: tecedor de redes”, que se desenvolverá do 10 ao 31 de maio en ata 39 establecementos asociados ao CCA. Estes comercios amosarán nos seus escaparates cartas de Francisco Fernández del Riego decoradas e con selos coa imaxe do autor elaborados polo alumnado dos centros educativos.

 

 

As cartas foron escollidas entre as publicadas en diversa bibliograía así como entre as accesibles na internet a través do Consello da Cultura Galega. Trátase de traballos individuais do alumnado, que tomando como referencia esas cartas deixábase levar pola súa creatividade realizando, entre outros motivos, debuxos. Cada centros participantes seleccionaba 5 deses traballos para os escapartes, xunto cun selo, tamén por centro, a xeito de caricatura de Francisco Fernández del Riego.

Deste xeito a campaña presenta unha dobre vertente, unha centrada no apartado educativo e pedagóxico (que se completará cunha exposición no Paseo do Malecón co traballo do alumnado participante) e outra social, implicando ao CCA e, a través del, á sociedade valdeorresa en xeral.

Así ademais da exposición das epístolas, os cativos da comarca poderán participar nunha xincana buscando as cartas nos establecementos e vinculando as mesmas cos encabezamentos indicados nun folleto de participación que deberán selar en cada establecemento. Ao completar a xincana e ter o folleto cuberto, xunto cos datos persoais, deberán depositalo nunha urna instalada nas oficinas do CCA O Barco (c/ España, 1).

 

 

Entre todos os participantes sortearase un vale de compra de 50€ para investir nas librarías asociadas ao CCA O Barco: Caprichos, Libraría Murciego, Praxis, Libraría Yoli e Nós. Ademais, se premiarase á mellor carta decorada de cada centro educativo cun vale de 25€ para material escolar.

“Con esta iniciativa, en primeiro lugar, reflexamos esta unidade, despois elaboramos, preparamos e organizamos as actividades e, ademais, difundimos a figura do homenaxeado este ano nas Letras Galegas, poñemos en valor a lingua e a literatura galegas, facendo ademais partícipe disto á sociedade, damos a coñecer o labor dos Equipos de Dinamización Lingüística e implicamos á vila do Barco a través do sector comercio”, tal e como comenta un dos representantes dos centros participantes, xunto ao presidente do CCA, Jacobo Arias, no acto de presentación da campaña, que tiña lugar esta tarde na praza do Concello do Barco.

Os centros participantes nesta iniciativa son o CEIP Condesa de Fenosa, CEIP Julio Gurriarán, CEIP Otero Pedrayo, Colexio Plurilingüe Divina Pastora, IES Lauro Olmo e IES Martaguisela (os cinco do Barco) o CEIP Virxe do Camiño de Rubiá e o  CPI Tomás Terrón Mendaña de Sobradelo (Carballeda de Valdeorras).

Fotos: A.R.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button