ConcellosÚltima hora

Os clásicos do “XII+I Rali de Invierno” chegarán á Rúa o sábado a mediodía

59 vehículos participan na carreira percorrendo paraxes da Ribeira Sacra, Pobra de Trives e Valdeorras
Os clásicos permanecerán aparcados na rúa Dr. Vila e na praza da Estación, na Rúa. /Foto: Mónica G. Bellver.

Un MG de 1932, varios Porsche 911, un Lancia de 1964, un Mini Cooper de 1965, varios Mercedes, un Jaguar de 1948, un Ferrari de 1975 ou o Fiat Spider de 1960 do rues Santiago Álvarez, son algúns dos 59 vehículos clásicos que participan no XII+I Rali de Invierno, organizado polo Rali Club de Invierno, que discorrirá polas fermosas e sinuosas paraxes lucenses e ourensás entre o 2 e o 5 de febreiro.

O punto de encontro desta edición para os participantes, chegados coma sempre dende diferentes puntos de España e Portugal, será o balneario Augas Santas en Ferreira de Pantón, e a carreira propiamente dita, unha proba de regularidade non de velocidade, comezará o venres día 3 con comezo e fin de etapa en Monforte de Lemos, pasando por Sober, Belesar e Chantada.

Será na segunda e definitiva etapa, prevista para o sábado 4 de febreiro, cando as xoias do motor cheguen, un ano máis a Valdeorras. Os clásicos sairán de Monforte pasando por Castro Caldelas, A Pobra de Trives, Manzaneda, As Ermitas e A Rúa, onde chegarán a partires das 13:30h. e permanecerán expostos, coma sempre na rúa e praza da Estación, mentres os condutores xantan os famosos “pementos de Vinducha” na Casa da Cultura. Despois, por riguroso orde e cada minuto a partires das 15:01h. sairán rumbo a Quiroga pasando polo Alto do Boi, Samos, O Incio e Monforte coa gala de entrega de premios en Augas Santas.

 

José Rodríguez do Rali Club Invierno e María González, na presentación. /Foto: Mónica G. Bellver.

Esta edición do rali conta coa colaboración dos Concellos de Manzaneda e A Rúa, e foi neste último onde tiña lugar a presentación por parte da alcaldesa, María González Albert e un dos membros da directiva de Rali Club de Invierno, José Rodríguez. A alcaldesa asegurou que para ela é unha honra ter estado no Concello cando regresou a proba a esta zona o ano pasado, xa que estivera moito tempo sen pasar, asegurando que é un gran atractivo para a vila e sempre xunta a moita xente “mágoa que para este ano den auga”, dixo.

Entre os participantes, procedentes de Portugal, sobre todo de Porto, e de localidades españolas, como Madrid, Ávila, Oviedo, Gijón, Pamplona, Trevías (Asturias), Vigo, Santiago, O Carballiño, Silleda, Nigrán ou Vilagarcía, hai moitas caras coñecidas como as de Helder Valente e Julia Rocha de Porto; Edgar Moniz e Francisca Moniz tamén de Porto; ou Luis Aragonés de Ourense, que segundo José Rofríguez levan participado en todas as edicións do rali.

 

Artigos relacionados

Back to top button