Primeiro participaban na Feira Gourmet Extravaganza en Berlín o 27 de xuño e agora veñen de asistir á Spanish Wine Cellar (organizada polo ICEX) en Nova York os días 13 e 14 de xullo. Deste xeito a Asociación de Colleiteiros e Embotelladores do Ribeiro acaba de encetar a segunda fase do seu plan de internacionalización. Asemade farán un evento de presentación en Vancouver (Canadá) o próximo 26 de xullo e unha misión comercial coordinada co ICEX en Corea do Sur entre os días 25 e 29 de xullo.
Na primeira fase deste plan realizaban “varias accións en marzo como o Gourmet Extravaganza de Bruxselas, ProWein en Alemaña e a cata de The Wine Advocate, seguida de Alimentaria (Barcelona) en abril”, recordan dende a asociación. Prevese ademais unha terceira fase neste plan que se completará no próximo ano coa participación nas mostras de ProWein 2017 (Alemania), Fenavin 2017 (Ciudad Real) e con misións comerciais na costa oeste de EEUU e en Mexico DF, adiantan dende a Asociación de Colleiteiros do Ribeiro.

Nesta “expansión internacional ten unha parte clave o IGAPE, quen outorgou a Asociación de Colleiteiros Embotelladores do Ribeiro unha subvención con fondos FEDER que fixo posible todas as accións no exterior”, lembra esta entidade, que agrupa nestes momentos a 35 colleiteiros/as. Ademais tamén lle ten sido asignada unha becaria do IGAPE durante un ano, no que traballará na internacionalización deste colectivo.
“Nas nosas diversas viaxes puidemos constatar a demanda mundial crecente de produtos diferenciados, actualmente o mercado está saturado de viños e cada vez máis, especialmente os restaurantes e as tendas especializadas, demandan produtos novos, de alta calidade e pouco coñecidos cos que sorprender aos seus clientes. É por iso que a figura do Colleiteiro, descoñecida ata agora para moitos, ten un bo nicho de mercado entre os viños de alta calidade. Os importadores e distribuidores quedan sorprendidos por esta figura, de adega familiar que só realiza viños con uva de colleita propia e cuxa produción é limitada”, asegura a asociación.
Ao mesmo tempo, a Asociación de Colleiteiros do Ribeiro está a realizar diversas actividades no marco da súa denominación de orixe, como é o caso dunha serie de catas comentadas cada xoves deste verán na praza Maior de Ribadavia. Ademais preparan eventos especiais para o Ribeiro Blues de Castrelo de Miño e para a primera etapa da Volta Ciclista a España nos municipios de Castrelo de Miño e Cenlle, “que están colaborando estreitamente coa asociación”.