ConcellosÚltima hora

Os concellos da Veiga e Oímbra rehabilitarán vivendas baleiras no rural

Este proxecto “Revivenda” faise en colaboración coa Deputación e ten como obxectivo dinamizar o rural e atraer ás familias
Juan Anta, Manuel Baltar e Ana Villarino.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, e os alcaldes da Veiga e Oímbra, Juan Anta e Ana Vilariño, asinaron hoxe, 18 de maio, no Pazo Provincial senllos convenios de colaboración para desenvolver un programa de rehabilitación de vivendas baleiras no rural, “Revivenda”, destinadas a aluguer. O obxectivo desta iniciativa, segundo asegurou Manuel Baltar “é dinamizar o rural, fixar poboación e atraer a familias, poñendo en valor os territorios rurais da provincia de Ourense”.

O programa desenvolverase nos concellos da Veiga e Oímbra, que realizarán as xestións técnicas e administrativas para remodelar vellas vivendas para aluguer e atender aos solicitantes. Baltar, destacou o dinamismo que amosan os concellos da Veiga e Oímbra por potenciar o rural, “o cal se reflicte neste programa, unha idea que xurdiu destes dous concellos, da súa capacidade para xerar iniciativas e crer no rural”.

A Deputación fará unha achega de 200.000 euros (100.000 euros para cada concello) e os Concellos, 10.000 euros cada un. No marco deste convenio, os dous Concellos encargaranse de elaborar e xestionar o Rexistro Administrativo Municipal de vivendas para alugar e o Rexistro Administrativo Municipal de Arrendatarios, e de poñer en funcionamento e xestionar o Programa de rehabilitación de vivendas e o Programa de axudas para o alugamento das mesmas.

A Deputación e os concellos da Veiga e Oímbra consideran oportuno impulsar unha acción contundente que permita evitar o despoboamento e o envellecemento, que fomente unha mellora na calidade de vida no medio rural como premisa ineludible para o crecemento demográfico, e establecer novos modelos de explotación dos recursos naturais que impulsen o desenvolvemento local, mantendo os usos tradicionais e incentivando actividades vinculadas aos sectores agrícola, gandeiro, así como a xestión do monte.

Neste sentido, preténdense levar a cabo unha política municipal correctora das deficiencias en materia de vivenda rural e adoptar medidas encamiñadas a posibilitar que os habitantes do mundo rural poidan exercer o dereito de dispor dunha vivenda digna e adecuada, ao tempo que se incentiva o sector da construción no rural.

As liñas de actuación consistirán en axudas directas aos propietarios para realización de obras de adecuación de vivendas quedando estas sometidas a un prezo de arrendamento inferior ao do mercado libre así coma axudas directas aos arrendatarios de vivendas rurais, principalmente a segmentos da poboación con especiais dificultades de acceso a vivenda.

Juan Anta, Manuel Baltar e Ana Villarino asinan o convenio.

 

Artigos relacionados

Back to top button