
O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, plantexaba unha vez máis na reunión deste martes 5 de maio do Centro de Coordenación Operativa (CECOP) a “necesidade dos concellos de ter máis información, neste caso falamos xa da desescalada, que vai ser por ámbitos territoriais inferiores á comunidade autónoma, como pode ser a provincia. Para os alcaldes e alcaldesas sería importante que a Xunta de Galicia compartise esa información para que poidamos realizar as previsións adecuadas nos municipios”.
En declaracións realizadas ao termo da xuntanza, Varela sinalaba que dende a Fegamp pedirónselle, tanto á Xunta como ao Goberno central, “protocolos claros de utilización de mascarillas por parte da poboación, xa que cada concello está facendo unha cousa distinta, temos que saber o papel que debemos xogar as administracións locais nese posible reparto”.
Unha terceira cuestión que plantexaba o pesidente da Fegamp na xuntanza era a necesidade de que os concellos “tamén nos sentemos a avaliar as consecuencias económicas desta crise sanitaria coas demais administracións e que poidamos falar nunha mesa de recuperación económica na que cada un poña enriba da mesa as avaliacións, como vai afrontar a situación cada administración e cales son as axudas e as previsións existentes. É necesario que se comparta esa información e que poidamos poñer os nosos plantexamentos enriba da mesa para que as liñas de acción de cada unha das administracións sexan complementarias unhas con outras e para evitar que nos solapemos e perdamos esforzos e recursos”, indicaba.
A preguntas dos xornalistas, Alberto Varela indicaba que non se lles facilitou aos concellos galegos información epidemiolóxica local. “Esa información non se trasladou no Cecop nin tampouco se lle trasladou á Fegamp. Dende o principio da crise sanitaria foron moitos os alcaldes que nos pediron que lle trasladásemos á Xunta que sería convinte dar a evolución da epidemia en cada un dos municipios, pero a administración galega, que é quen ten a competencia, díxonos en todo momento que esa información non se podía dar. Ata o de agora tampouco temos información sobre os plans de camas hospitalarias ou de como vai a situación de cada unha das provincias”.
Os concellos e as axudas á recuperación económica
Outro dos temas nos que incidía o presidente da Fegamp era na importancia da participación dos concellos nas axudas á recuperación económica. “Na anterior reunión do Cecop falamos da posibilidade de que parte dese fondo extraordinario de recuperación polo Covid que se transferíu á comunidade autónoma sexa tamén para as administracións locais, tal e como están facendo noutras comunidades, e tendo en conta que estamos asumindo tamén gastos extraordinarios. O que lle estamos pedindo á Xunta e ao goberno do Estado é que nos sentemos todos xuntos nunha mesa para ver as medidas que van a adoptar e cales son as previsións. Non nos olvidemos de que, tal e como está recoñecido constitucionalmente, os concellos financiámonos cos nosos tributos pero tamén coas transferencias do Estado e da Xunta”, destacaba Alberto Varela.
Finalmente, aseguraba que tamén as administracións locais van ter problemas de liquidez a fin de ano, “por iso é importante que nos sentemos coas demais administracións porque se o Concello vai facer ese esforzo de cara aos seus veciños, hai que ver como se van soster esas arcas municipais porque sabemos que imos pasar unha situación complicada”.