SanidadeÚltima hora

Os cribados de Vilamarín e de Muíños non detectan ningún positivo de Covid

 

De tranquilizadores cualifica a Consellería de Sanidade os resultados do cribado poboacional de coronavirus realizado esta mañá nos concellos de Vilamarín e Muíños, nos que non se detectaba ningún positivo. Neles empregábase por vez primeira o test de antíxenos.

“É unha experiencia pioneira en Galicia e que xa se fixo previamente noutras comunidades autónomas como Madrid ou Valencia ante casos similares ao noso, é dicir, ante un aumento de casos de Covid, que é o que sucedeu na comarca da Baixa Limia e noutros concellos como Vilamarín. Nos Centros de Atención Primaria dispoñemos de test de antíxenos quen dan inmediatamente se o paciente é Covid positivo ou non, co cal podemos cortar enseguida a cadea de transmisión”, en palabras de Patricia Pazos, xefa de Servizo de Bande.

Neste cribado participaban 479 persoas, o 66% dos 340 citados en cada municipio, (239 en Muiños e 240 en Vilamarín). Nesta mostraxe colaboraron, xunto cos equipos de recollida de mostras da Área Sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, os profesionais de ambos centros de Saúde.

Dende  Sanidade considérase que o feito de que non se detectase ningún positivo “podería indicar que os gromos detectados en ambos concellos están en vías de ser controlados”. Pero malia ao esperanzador destes resultados, as autoridades sanitarias instan a “manter as medidas de prevención e a prudencia, seguindo as indicacións de distanzamento social, hixiene de mans e uso de máscara. Limitando ao máximo a actividade non esencial fora do núcleo de convivencia”.

Artigos relacionados

Back to top button