PolíticaÚltima hora

Os deputados ourensáns do PP no Congreso reúnense cos traballadores penitenciarios

Os deputados expresaron a vontade do Ministerio do Interior de mellorar o servizo público de prisións
Xuntanza entre os deputados e os traballadores penitenciarios.

Os representantes populares no Congreso pola provincia de Ourense, Miguel Ángel Viso, Ana Belén Vázquez e Celso Delgado, mantiveron hoxe, 16 de febreiro, unha reunión cos representantes sindicais de empregados públicos de prisións na provincia para escoitar, de primeira man, as demandas expostas por ditos traballadores. Ao encontro, que tivo lugar na sede provincial do PP, asistiron pola parte sindical Tito García, Eva Vázquez, Jesús Salinas e Lisardo Pérez en representación das centrais Acaip, CCOO, UXT e Cesif, respectivamente.

Durante a xuntanza, os delegados sindicais expresaron a súa vontade “por abrir unha vía de diálogo fluído coa Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias”, mentres que os deputados ourensáns informaron da “disposición do Ministerio do Interior a manter un contacto directo cos sindicatos e mellorar, a través dunha negociación con sentido de responsabilidade, o servizo público de prisións”.

No encontro abordáronse aspectos como a ampliación dos cadros de persoal, o envellecemento dos mesmos, a mellora dos concursos de traslados e os medios de traballo. Os delegados dos traballadores tamén expuxeron a necesidade de mellorar a seguridade dos funcionarios e o servizo de sanidade penal mentres culmina o proceso de transferencia ás comunidades autónomas. Falouse, ademais, de demandas salariais e a unificación de categorías.

Os deputados ourensáns deixaron constancia, pola súa banda, da intención do Ministerio do Interior para introducir na Lei Xeral Penal a condición de axentes da autoridade dos funcionarios de prisións, un paso que, segundo destacaron, axudaría a mellorar a seguridade nos seus postos de traballo.

 

Artigos relacionados

Back to top button