CulturaCulturaEducaciónÚltima horaVídeos

Os desafíos e oportunidades dos medios en galego en papel, analizados nunha xornada do Consello da Cultura Galega

Estaba coordinada pola xornalista valdeorresa María Ángeles Rodríguez dende a Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG

 

Malia ás dificultades actuais e desafíos futuros, aínda hai oportunidades para os medios en galego en papel na actual era dixital. Así se poñía de manifesto en boa parte das intervencións da xornada “Realidade e perspectivas de futuro dos medios de comunicación en galego en soporte papel”, organizada o 10 de outubro en Santiago pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega (CCG) e coordinada pola valdeorresa María Ángeles Rodríguez, xornalista do Periódico O SIL.

O programa contaba con 14 relatores, “tanto do ámbito profesional dos medios de comunicación como do ámbito máis de investigación e análise do feito mesmo da comunicación e dos medios que existen. Unindo esas dúas perspectivas cremos que a xornada pode deitar boa luz sobre os tres eixos que se reúnen no título: a situación dos medios de comunicación, ese concepto que mudou tanto dende hai 40 anos á situación actual, que incluso habería que redefinir o que imos entender por medio de comunicación no presente e no futuro. E, por outro lado a característica necesaria de galego, da lingua galega e, ademais, en papel que é algo que preocupa a todos”, apuntaba a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, na inauguración do encontro.

Xunto a ela, a coordinadora da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG, Carmen García Mateo, incidía na importancia de achegarse á “visión dos medios en papel, a visión de medios cercanos á poboación, ese considerar non só o Eixo Atlántico senón considerar a Galicia no seu conxunto. Cremos que os medios xogan un papel primordial e os medios comarcais, claramente”. Ademais a coordinadora da xornada, María Ángeles Rodríguez, resaltaba que nesta xornada “amosamos como, pese á presión dixital que se vén exercendo dende as últimas dúas décadas, en Galicia perviven cabeceiras escritas en galego en formato papel tanto no ámbito rural como no urbano. E non só iso, senón que ademais, xurdían outras novas, mesmo de periodicidade diaria, nos últimos anos”.

A conferencia inaugural deste foro corría a cargo de Xosé López García, catedrático de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela, quen abordaba a evolución da prensa e dos medios impresos en xeral, e dos galegos en particular, e a sua problemática. “O principal problema é o papel, pero este é un problema que non é só do século XXI, que foi cando se agravou. Xa a finais do século XX, antes da aparición da web no 91, os diarios estaban buscando fórmulas para ampliar o seu espazo porque levaban case 50 anos competindo cos medios audiovisuais, radio e televisón, e buscaban no espazo electrónico unha saída para ampliar o seu modelo de negocio e a súa capacidade de influencia”.

Na súa exposición lanzaba varias preguntas ás que ía dando resposta ao longo da súa exposición: “¿quen está mellor posicionado para sobrevivir nun escenario de tantos cambios e tantas transformacións? ¿o que estamos facendo vai ter unha continuidade a longo e medio prazo?”. Para Xosé López a clave está en ser “capaz de adaptarse mellor e anticiparse ao futuro”, apuntando ademais a importancia de “repensar os produtos de noticias para conectarse con novas audiencias e recuperar e non perder vellas audiencias. Ese é un dos grandes desafíos que tiveron e teñen os medios de comunicación”.

A partir de aí iniciaba un percorrido pola evolución da prensa galega ata a actualidade. Explicaba como “chega ao final da primeira década do terceiro milenio con novos plans de renovación, adaptación ao entorno dixital e resultados bastante bos en termos de ingresos e lectores e, sobre todo, en creación de postos de traballo”, se ben a partir de 2010 prodúcese “un proceso de inflexión marcado por outro fenómeno que está afectando a todos os medios: a plataformización da sociedade e a conformación das grandes plataformas e das grandes redes sociais porque condicionan os usos e consumos informativos e as potencialidades que pode ter o propio papel”.

No momento actual o panorama dos medios en galego caracterízase, segundo apuntaba Xosé López, pola “diversidade de modelos e de estratexias neste escenario dixital. Temos dende medios en papel, cabeceiras históricas sen case estratexias na rede, ou medios que si teñen unha estratexia moi clara na rede. Hai moitas opcións e vías para afrontar o desafío actual por parte dos medios de comunicación e dos medios impresos. Case todos contemplan modelos combinados ou híbridos para intervir no escenario comunicativo dixital”.

 

Vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Finalmente, amosábase “bastante optimista” ao considerar que “hai oportunidades para o papel nos medios en galego, pero temos que asumir que debemos facelo mellor, hai que escoitar, deseñar proxectos solventes e sostibles, garantir boas condicións profesionais, cultivar a implicación social e render contas (ser transparente)”, ademais de ofrecer un “xornalismo de calidade”.

No aspecto económico incidía o segundo relator da xornada, Julián Rodríguez Moscoso, director de Economía Digital Galicia, quen dende a súa experiencia no sector xornalístico realizaba unha análise “empírica e non académica”, intercalando diversos exemplos para ilustrar situacións. Plantexaba a súa intervención “seguindo a conta de resultados dunha empresa, e iso pasa por ingresos e gastos, analizando a diferenza entre o papel e o dixital en canto a custos e en canto a ingresos”.

 

Vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Rodríguez Moscoso incidía en que a clave para os medios está en “aportar valor nun sentido amplo. Non só valor informativo, senón valor a través da súa oferta periodística que son cousas diferentes” e poñía como exemplo o proxecto desenvolvido en Economía Digital Galicia, un medio dixital que cumpre dez anos no mercado.

As experiencias de 5 medios impresos escritos en galego, nunha mesa redonda

A partir de aí dábase paso a unha mesa redonda coordinada polo xornalista Xan Carballa para amosar a experiencia e realidade de cinco proxectos xornalísticos en papel en galego. Nela participaban María Obelleira, directora de Nós Diario; Carlos G. Hervella, director do Periódico O SIL; Diego Elías García Puente, director de Terracháxa; Fernando de Paz, xerente de Tempos Novos; e Guillermo Rodríguez, director do Foro A Peneira.

 

 

Vídeo: Alba Prada.

 

“Creo que aquí está o abano completo en periodicidades, en traxectoria, en tempo de funcionamento, en experiencia en etapa dixital e en papel. Tamén son proxectos económicos diversos, algúns de implantación comarcal ou nacional,  e diferentes na súa adaptación ao dixital”, explicaba o moderador da mesa antes de dar paso a cada unha das intervencións nas que cada relatore explicaba a historia e singularidades do seu medio.

 

Vídeo: Alba Prada.

 

A primeira en tomar a palabra era María Obelleiro, directora de Nós Diario, quen lembraba que este xornal aparecía en papel no 2020 en plena era dixital tras lograr 3.000 subscritores e pouco antes da pandemia do Covid. Hoxe, neste medio existe “unha convivencia entre os dous soportes e penso que despois da pandemia incluso aumentaron as subscricións aos diarios en papel de forma xenérica pola súa credibilidade. A xente percibiu esa necesidade de ter nas súas mans a información que segue a espertar máis confianza”.

Amosábase convencida do valor do papel e concretaba que o modelo de información deste diario “é multisoporte, nós temos un diario en papel para un dixital máis forte. Non podemos obviar o modelo económico dos medios de comunicación, a nosa vía de financiamento son as subscricións do papel e grazas a elas conseguimos manter o diario dixital aberto, que non ten muro de pago”.

Por outra banda, o director de O SIL, Carlos García, explicaba que ademais de tres publicacións en papel (o Periódico O SIL, O SIL Deportivo e a revista “Entroido en Galicia”) este medio tamén conta dende o ano 1998 cunha edición dixital que “ten ido evolucionando e adaptándose co paso dos anos, modificando o seu deseño, as súas seccións e contidos. Hoxe www.osil.info é un periódico dixital en si mesmo, diferente do soporte en papel, xa que está máis enfocado á información diaria e inmediata, mentres que o periódico impreso aborda outros temas cun tratamento máis analítico e con máis amplitude”. Ao mesmo, destacaba que a base económica deste proxecto xornalístico está na súa edición en papel, demandada polos propios lectores e apoiada por subscritores e anunciantes.

 

Vídeo: Alba Prada.

 

O director de O SIL recoñecía os custos de papel, rotativa, loxística e distribución que implica este soporte, pero amosábase esperanzado sobre o seu futuro, resaltando ademais a súa importancia para a pervivencia da información. “Consideramos importante a permanencia do papel e o seu valor ao poder manterse nas hemerotecas galegas e estatais, para que este traballo quede arquivado e poida ser consultado agora mesmo ou no futuro”.

Deseguido tomaba a palabra Diego Elías García, director dende o 2017 de Terracháxa, proxecto con 5 cabeceiras. “O papel é viable porque o que define ao meu periódico é a segmentación de mercado. Temos un xornal enfocado á súa comarca e non dou máis contidos que os referentes a esa comarca. Decidín facer unha segmentación por concellos e non por áreas, iso foi o que marcou a diferenza e o que permitiu tamén compaxinar o salto entre medio en papel e dixital sen ningún tipo de problemas. Tiro 21.000 exemplares ao mes entre todas as cabeceiras, o que considero que é unha cifra interesante para os 240.000 habitantes da nosa zona”.

 

Vídeo: Alba Prada.

 

Así mesmo explicaba que o dixital supón unicamente un 15% dos ingresos de Terracháxa “por iso cando se fala da realidade da continuidade dos proxectos en papel, eu con estes datos estou perdendo cartos no dixital. O dixital vai estar si, pero no meu segmento de mercado no papel estou eu na rúa e o periódico percíbese como propio, mentres que para competir en dixital necesito máis segmento de poboación”. E resaltaba que, “se se fan ben as cousas, por viabilidade de contidos, e polo tipo de público que nos le, queda mercado para o papel”.

Nesa mesma liña comezaba a súa intervención Fernando de Paz, xerente de Tempos Novos. “Desmintirei esa percepción que é un pouco falsa de que o papel morre”. Comentaba que esta revista naceu en 1997 “da necesidade dun medio que puidera aportar algo novo, algo fresco dentro do sistema de medios de Galicia, nacemos nun momento analóxico, se ben neses anos xa empezaban a agromar certas experiencias no mundo dixital pero dunha forma moi incipiente”.

 

Vídeo: Alba Prada.

 

Destacaba que, pese aos custos do formato impreso, o ”papel é unha garantía de continuidade, os subscritores son a base fundamental da supervivencia dun medio en papel en galego. Cos momentos críticos que se teñen producido, se non fose polo papel e polos subscritores sería absolutamente imposible que estiveramos falando nesta mesa. Entón para nós a transformación ao mundo dixital supoño que vai ser inevitable, de feito estamos dando pasos neses campo, pero o papel é a nosa garantía de continuidade”. E citaba como “vantaxe do papel o prestixio. Hai unha certa tendencia a que haxa máis confianza nun soporte en papel porque ten un custo tan elevado que require unha profesionalización maior”.

 

Vídeo: Alba Prada.

 

Moito máis pesimista a este respecto manifestábase o máis veterano da mesa, Guillermo Rodríguez do Foro A Peneira, quen facía un percorrido pola súa traxectoria de 38 anos na prensa, que comenzaba coa creación de A Peneira, e hoxe conta coas publicacións As Novas do Eixo Atlántico e o Foro A Peneira. “O papel ten un custo inasumible nalgúns casos e non sei que faremos con estas cabeceiras, e con internet”, comentaba. Ademais plantexaba que sería interesante establecer unha estratexia conxunta dos medios en papel escritos en galego para achegarse aos anunciantes e poder competir así con grandes medios.

Na mesa tamén se debatían cuestión como a das audiencias e os novos lectores así como a situación das axudas públicas para os medios escritos en galego, entre outras.

 

 

A crise da pel, da proximidade

Pola tarde a xornada retomábase coa ponencia “O control da información na era dixital” do filósofo e escritor Ignacio Castro Rey, quen estruturaba a súa exposición en catro partes principais, que comezaba dende unha perspectiva antropolóxica. “A miña idea dende hai anos é que non hai unha crise do papel, hai unha crise do contacto, unha crise da pel. E o papel é unha forma de contacto, o arrecendo, o aroma dun libro, que pode manchar, se pode mollar.., todo iso está en retroceso”.

Aseguraba tamén que “hoxendía todo o que se chama interdependencia ten que ver coa interactividade nerviosa de átomos illados, a invitación constante por todas partes que é unha invitación digamos de seguridade. As tecnoloxías funcionan masivamente como tecnoloxías de separación portátil”.

A partir de aí, abordaba outra crise actual: a da lectura. Porque ler “significa pararse, dubidar, demorarse e o que se vende hoxe é a felicidade rápida, por contra, a lectura é pausada e está chea de fendas, a pouco complicado que sexa un artigo”. En terceiro lugar falaba do galego como unha “lingua especialmente sensible á lóxica da velocidade, dado que é unha lingua lenta, chea de beiras, de recunchos” e entraba no tema do autoodio en Galicia.

Neste contexto, concluía Ignacio Castro Rey “a xente ten que tropezar para ter memoria, a perda de memoria, que ás veces resulta escandalosa é unha consecuencia máis psíquica dun sistema onde a liquidación deixa todo en mans de aparatos, todo o que sexa presenza persoal está en crise, a memoria está en serio perigo de esvaecemento”.

 

 

A supervivencia das revistas do eido cultural

O broche da xornada era unha mesa de relatorios centrada na supervivencia das revistas de carácter cultural, que estaba moderada por Ana Díez, comunicadora e xestora cultural, e na que participaban Francisco Fernández Rei, membro do Consello de Redacción de “A Trabe de Ouro” e “Nova Ardentía. Revista de Cultura Marítima e Fluvial”; Alberte Sánchez, membro do Consello de Redacción de “Cerna”; Alejando Nieves codirector de “Farlopa Fanzine” de Verín; e Marta Cortés, directora da revista “Saldoira” do IES Martaguisela do Barco.

“Imos falar sobre as publicacións especializadas en soporte físico en galego e novas ferramentas para desenvolver a comunicación e falando de proxectos específicos. Un dos xeitos de coidar a comunicación e o xornalismo no caso da lingua galega son as revistas especializadas, dende o meu traballo como comunicadora considero de moito valor todas estas publicacións que son exhaustivas na difusión da información. Enviar ao prelo incide en rigurosidade nesta información”, indicaba a moderadora.

A continuación daba paso ao primeiro dos relatores da mesa, Francisco Fernández Rei, quen comezaba explicando a xénese e a evolución ata hoxe da revista de pensamento “A Trabe de Ouro”, que nacía en 1990, así como ao seu consello de redacción, a súa estrutura e seccións aos temas abordados na súa longa andaina: a situación sociopolítica galega, a globalización, o agrarismo, o patrimonio, o medio ambiente e paisaxe, o cinema galego, pedagoxía e didáctica, feminismo… Ademais conta cunha “sección de censura democrática, que apareceu intermitentemente, e na que se publican escritos rexeitados na prensa galega, normalmente textos sociopolíticos, pero non só”.

Fernández Rei explicaba que nos “33 anos de singradura desta revista foi fundamental o traballo xeneroso, e nunca remunerado, dos membros do consello de redacción e de todas as persoas que colaboraron con textos e traducións”, engadindo que este grupo de persoas “seguimos na procura da trabe de ouro, na procura da cultura e da plena liberdade”.

Despois, centrábase na revista “Ardentía”, publicada entre 2004 e 2015, que xa no 2017 pasaba a denominarse “Nova Ardentía”, editada pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial. Lembraba a súa historia e detalla os seus obxectivos: investigar e “promover a catalogación e o estudo multidisciplinar sobre o mundo da cultura marítima e fluvial”, ademais de “rescatar e recoller a memoria viva dos protagonistas da cultura marítima, recuperar elementos perdidos, dignificar no amplo sentido da palabra todo o relativo ás actividades e comunidades relacionadas co medio marítimo e fluvial” e divulgar os valores e potencialidades desta realidade.

Pola súa banda, Alberte Sánchez explicaba que “Cerna” é unha revista galega de ecoloxía e medio ambiente publicada ininterrompidamente dende 1986, estando editada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega). Aínda así o seu primeiro número data de 1984, pero daquela non recibía o nome de cerna. Explicaba os seus contidos, as características do seu deseño e o público ao que vai dirixida. “O contido dos seus artigos xiran sobre calquera das temáticas do eido ambiental, ecoloxía e medio ambiente, desenvolvemento sustentable… que fagan referencia ao ámbito galego ou global”. E todo o que se recada da revista, “reinvírtese nela”.

Tras el, o verinés Alejandro Nieves presentaba “Farlopa Fanzine”, publicación que dirixe xunto a Sabela Domínguez e que nacía en plena pandemia no 2020. “Curiosamente naceu no mundo online e acabou facéndose en papel”, confesaba, “e este proxecto, aínda que se vertebra neste fanzine, inclúe outras actividades como encontros, dinamización ou mesas redondas e o que buscamos é que a xente que fai cousas na comarca de Verín se coñeza. Dalgunha maneira somos un medio especializado, aínda que buscamos ser o máis popular posible para chegar a todos os veciños e veciñas e traballamos no rural. Este é un proxecto altruísta”.

 

 

Ao dar o salto ao papel, os promotores deste fanzince decatábanse de que “a xente acaboulle dando máis importancia, acabouse convertendo nun símbolo, e non deixan de ser uns folios dobrados. Temos redes sociais, nelas anunciamos co que imos saír no fanzine, pero non compartiamos os contidos como tal, se quería lelo, tiña que ir ao papel”. E ademais está escrito nun galego que reflexa as singularidades propias desta lingua na comarca de Verín.

A mesa de relatorios completábase coa intervención de Marta Cortés, directora da revista “Saldoira” do IES Martaguisela do Barco, quen contaba como esta publicación que xurdía en 2004 non supoñía unha actividade máis no centro, senón que partindo dunha situación lingüística claramente desfavorable para o galego neste municipio apostaba por darlle a volta á situación. Por iso marcábase uns obxectivos moi claros e que hoxe segue mantendo: “dignificar a lingua, aumentar o seu prestixio, aumentar os seus usos, implicar a todos os axentes escolares neste proceso, contribuír á dinamización lingüística do contexto, dinamizar o uso do galego no centro de xeito que repercuta no exterior, difundir as actividades dinamizadoras na vila, promover o mantemento da lingua entre o alumnado, profesorado e familias e nos rexistros coloquiais ante persoas non galegofalantes con competencia oral na nosa lingua, fomentar a lectura en lingua galega e mellorar a competencia linguística entre a comunidade educativa e persoal no docente”.

Logo ía percorrendo a súa evolución número a número ata chegar á etapa dixital, pero destacando que no 2013 o instituto fixo un esforzo e decidiu continuar mantendo o papel. Marta Cortés lembraba con especial emoción o número que saía na pandemia, “ao que lle chamamos Saldoira confinada” e tamén o último, centrado no poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán, ao que se lle dedicaba este ano o Día das Letras Galegas. Finalmente, incidía na boa acollida que tivo e segue tendo entre o alumnado e resto da comunidade educativa esta revista. “Estamos a falar de memoria, de conservación, de difusión, de valoración do propio nun mundo globalizado que tende a esquecer rapidamente, á mesma velocidade que fabrica e consume. Sobrevivir aquí no papel e na letra da abundancia de parágrafos para o noso centro é un orgullo”.

A mesa de relatorios completábase cun animado debate sobre  o futuro do papel fronte ao dixital, no que finalmente se impoñía á esperanza na pervivencia deste formato.

Fotos: Carlos G. Hervella, agás a primeira da galería que é de Manuel Agra e a quinta que é de Alba Prada.

Artigos relacionados

Back to top button