Intensa semana para os Ecovixiantes de Franciscanas. Tralas vacacións de Semana Santa, remataban a súa participación na IV Liga de Recollida de Pilas Usadas PILABOT coa incrible cifra entregada de 2.418,95 quilos levados ao centro escolar durante as seis semanas que durou o concurso, co claro obxectivo de que “as pilas non acaben nin nos nosos ríos nin no xenérico do noso fogar”.
Unha semana máis seleccionaron e entregaron en Xinzo de Limia tapóns solidarios e materiais escolares e participaron na entrega de diplomas do IX Concurso de Relatos de Auga Intelixente de VIAQUA, onde o Colexio Plurilingüe Divina Pastora MM Franciscanas de Ourense foi un ano máis, e xa van oito, o centro máis participativo de Galicia.
Os voluntarios tamén recollían cabichas, aproveitando para practicar hábitos de vida saudable na Pista Vermella de Barros Sibelo de Ourense; e depositaban os envases lixeiros xerados no colexio no contedor amarelo dentro do Programa Recíclate con Sogama.
Fotos cedidas.