Entroido 2020Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Os Felos percorren as aldeas da serra de San Mamede

Fiel á tradición, a figura típica do Entroido de Maceda fixo soas as chocas interactuando cos veciños que agardaban a súa visita

 

Un ano máis, na xornada do Sábado de Entroido os Felos de Maceda fixeron soas as chocas por toda a serra de San Mamede. A figura tradicional do Entroido neste concello ourensán non faltou a súa cita cos veciños das aldeas e dende primeira hora da mañá protagonizou unha animada comitiva intimidando co seu bastón aos veciños que os esperaban con comida e bebida en Castro de Escuadro, Pías, Santirso, Xinzo da Costa, Celeirón, Barxela, Vilar, Carguizoi, Tioira e Maceda.

A praza das Toldas da capital do municipio é o punto de partida e meta desta celebración pura e ancestral cuxos ritos pasan de xeración en xeración. Os Felos son os amos da serra e tras impoñer a súa lei ao caer o sol a troula centrouse en Maceda coa “baixada da Marela”, amenizada por charangas.

O domingo repetiron o percorrido e hoxe, foi o turno para a festa infantil. Mañá, Martes de Entroido celebrarase o desfile de felos, carrozas e comparsas e o Mércores de Cinza o “enterro da Sardiña” porá o broche ao Entroido 2020.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button