Recoñecemento para Valdeorras na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo Galego, que se vén de celebrar en Santiago a primeiros de xuño. O filme “Os Fillos da Vide”, da directora ruesa Ana Domínguez, vén de facerse co premio á Mellor Película Galega neste certame. Este traballo retrata dun xeito moi persoal o ciclo das estacións tomando como eixo o cultivo da vide, unha referencia cultural e socioeconómica ao longo do tempo na comarca de Valdeorras.
O xurado apoiou a súa decisión no “ben tratada que está na película a parte humana e a tradición ancestral do viño”. Na parte cinematográfica considerou que “funcionan moi ben a recreación do pasado, da comunidade e do traballo colectivo fronte ao problema actual do despoboamento do rural”.

Nesta 13ª edición do MICE a película alemano-española “Grab and run” de Roser Corella, sobre o a tradición do rapto de noivas no Kirguistán, recibía o premio á Mellor Película Etnográfica.
O xurado desta edición estivo formado por Elisenda Ardévol (antropóloga audiovisual e profesora da UOC), Miguel Alonso Cambrón (antropólogo especializado en etnografía sonora e membro de AGANTRO) e Manuel Precedo (presidente do Cineclube Padre Feijoo de Ourense). Ademais acordaban entregar unha mención especial ao documental “Ohne Diese Welt” de Nora Fingscheidt.
Fotos cedidas por Ana Domínguez.