
A Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA), que preside Araceli Fernández, ten previsto celebrar o venres 10 de xuño a súa asemblea xeral ordinaria, ás 20:30 horas en segunda convocatoria, no Hotel Monumento Pazo do Castro. A orde do día do encontro inclúe, entre outros puntos a aprobación da memoria de actividades 2021 da entidade, así como a aprobación das contas do ano 2021 e a previsión de orzamento para o ano 2022.
Tamén se fará un recoñecemento ás empresas que cumpren 20 anos na asociación. Finalmente, para as 21:30 horas está prevista a clausura da asemblea da man dos emprendedores valdeorreses Daniel e Julio Brasa Blanco, fundadores de Xtudio Networks, SL, con sede na Rúa. Esta empresa está dedicada á actividade de prestación de servizos relacionados coas tecnoloxías da información e a informática.
“A invitación a clausura obedece á intención de recoñecer publicamente a súa traxectoria empresarial, a súa proxección internacional, a diversificación das súas actividades e a clara aposta polas potencialidades da comarca de Valdeorras”.