Os case cen galegos do exterior que chegaba onte ao aeroporto de Vigo para participar durante toda esta semana no programa “Conecta co Xacobeo” da Secretaría Xeral da Emigración, comezaban na mañá deste domingo 19 de setembro o primeiro tramo dos camiños Portugués e Vía da Prata.
Onte foron recibidos na terminal viguesa polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, quen recordou que deste xeito reinícianse os programas de achegamento a Galicia dos galegos do exterior, centrándoos, nesta ocasión, no Ano Santo, e limitando a participación ao continente europeo por mor da aplicación do control das medidas sanitarias marcadas pola pandemia da Covid-19.
Os cen galegos, chegados de diversas partes de España, Portugal, Alemaña e Suiza, dividíronse en dous grupos, aloxándose uns nas residencias de tempo libre da Xunta de Panxón e do Carballiño. O primeiro grupo realizou hoxe o Camiño Portugués no tramo entre Porriño e Redondela, mentres o segundo iniciou a Vía da Prata dende Ourense a Cea.
Esta iniciativa ten coma obxectivo promover os lazos con Galicia e coa súa cultura a través do Camiño de Santiago das persoas vinculadas ás entidades galegas que existen tanto no resto de comunidades autónomas de España como nos países europeos, fomentando a súa participación no Ano Santo.
A Secretaría Xeral quere así dar un pulo ás entidades e centros galegos, así como aos seus asociados, que sufriron numerosos peches e limitacións a causa da pandemia durante os últimos meses e que son promotores do Camiño de Santiago en todos os lugares onde teñen a súa sede.En total, participan nesta actividade un centenar de galegos do exterior de entre 18 e 64 anos, que durante os próximos días realizarán o camiño en diversas etapas ata chegar o próximo sábado 25 á praza do Obradoiro. Ademais, os dous grupos terán o mércores unha xornada de convivencia conxunta na Ribeira Sacra, celebrando así o seu recente nomeamento como Reserva da Biosfera.