ConcellosMontederramoÚltima hora

Os gandeiros de Montederramo organizan unha exitosa exposición con 260 cabezas

Aseguran que eventos coma este son moi importantes "para poder vender os nosos animais dignamente", tendo como obxectivo recuperar alomenos dúas feiras anuais

 

En pleno Macizo Central ourensán, o concello de Montederramo posúe a maior cabana de gando vacún de toda a provincia e unha das máis grandes de Galicia. “No municipio contamos con máis de 6.000 cabezas e o mellor de todo é que hai relevo xeracional, con xente nova que se está facendo cargo das explotacións, rapaces ilusionados que apostan polo rural”, aseguraba o alcalde, Antonio Rodríguez hai apenas un mes. Unha afirmación que quedaba demostrada na xornada deste mércores 12 de outubro, na exposición de gando vacún que os propios gandeiros organizaban no marco da XXVII Festa da Carne de Montederramo.

 

Os pequenos Aarón e Leire na feira de gando de Montederramo.

 

Cos dous anos de parón por culpa da pandemia, esta foi a IV edición da exposición, pero tal como aseguran os propios organizadores e podía verse no recinto, nunca tiveron tanta cabezas, rondando as 260 entre vacas e xatos. “A maiores das do concello de Montederramo tamén tivemos de Castro Caldelas, de Maceda e de Parada de Sil”, din os gandeiros, recoñecendo que a participación deste ano foi un éxito. “Ninguén dixo que non e contamos con moita colaboración, xente que nos deixou os valados, os que trouxeron o seu gando e aqueles que nos axudaron a metelo no recinto porque os animais están en extensivo e non é facil xuntalos e metelos nestes corrais que fixemos”, puntualizan, engadindo que a cambio entregáronlles unha serie de agasallos por participar e colaborar con eles. “Unha mostra de cariño por vir”, din, recoñecendo que o Concello é a única administración que os axudou, cedéndolles o terreo e cos agasallos.

 

 

Os gandeiros tamén recoñecen que o obxectivo da mostra, pola que durante o día pasou moita xente, é reivindicar o seu motor económico e polo menos volver facer dúas feiras anuais. “É moi interesante ter eventos coma este para poder vender os nosos animais dignamente”, din, recoñecendo que aínda que subiu un pouco o prezo do gando, a porcentaxe é moi inferior á suba de todo o que precisan para manter as explotacións, non só o penso senón tamén plásticos, ferros e mesmo o gasoil. “A situación é complicada”, recoñecen, facendo tamñen un guiño aos ecoloxistas. “Non somos enimigos, é máis, deberiamos ser aliados porque nós somos os que mantemos o medio rural así que deberían apoiarnos”, conclúen.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button