Neste mediodía tiña lugar unha concentración dos gardas de seguridade do Hospital Público de Valdeorras para reclamar que se lle paguen os salarios atrasados. “O problema é que os gardas de seguridade volven estar sen cobrar, agora mesmo adebedánselle 2 meses. Trátase do terceiro incumprimento de 3 empresas en 10 anos e, de feito, a día de hoxe, da última reclamación que iniciamos hai 3 anos o Sergas débelle unha terceira parte da reclamación cando en sentenza saíu condeado responsable subsidiario, entón penso que xa está ben”, asegura o responsable comarcal da CIG, Francisco Moral.
Así mesmo, o representante sindical di que este problema “só lle afecta aos hospitais do Barco e Verín, xa que en Ourense non teñen ningún problema, non entendemos esta diferenza porque somos unha área sanitaria, preguntámonos por que esa discriminación, porque sempre nos toca a nós”.
Francisco Moral insiste en que “a día de hoxe non temos nin contestación nin solución, nós levamos dende decembro facendo reclamacións a Inspección de Traballo, as cales tamén as ten o Sergas, falou cos traballadores de que ía iniciar un expediente sancionador para quitar a contratación que ten con esta empresa, pero non nos cremos nada. O único que sabemos fixo é que a día de hoxe se lle adebedan 2 meses aos gardas de seguridade e que isto non ten trazas de mellorar. E xa nos vemos outra vez inmersos nunha demanda xudicial e hai que darse conta de que son 10 familias as que comen, que están xogando cos nosos cartos porque as empresas cobran, é dicir, que os Sergas gasta os cartos pagándolle á empresa e despois gástaos no Xulgado para pagarlle tamén aos traballadores os salarios que non lles paga a empresa”.
A valoración da Área Sanitaria ourensá
Con respecto a esta situación, dende a área sanitaria ourensá asegúrase que “a Dirección de Recursos Económicos da Área Sanitaria de Ourense Verín e O Barco de Valdeorras, está a tramitar un segundo expediente de penalidades á empresa adxudicataria do servizo de seguridade nos hospitais públicos de Valdeorras e Verín, Mersant Vigilancia S.L., polos atrasos no pago das nóminas dos seus traballadores, que se veñen producindo dende o pasado mes de decembro”.
Tamén se explica que, “como se vén informado dende esta dirección aos traballadores, de xeito continuado e directo, estes expedientes sancionadores darían lugar ao inicio da resolución do contrato coa empresa actual e posteriormente, á convocatoria dunha nova licitación para dar cobertura ao servizo”.
Finalmente, dende a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco laméntase “novamente que a situación que afronta esta empresa a nivel nacional estea a afectar aos traballadores”, e lémbrase que “no expediente de licitación e posterior adxudicación, esta empresa foi a que acadou unha maior puntuación, atopábase ao corrente de pago e presentou e cumpriu todos os requisitos para garantir a súa solvencia económica”.