CD BarcoDeportesFútbolGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Os goles de Rodri Alonso e Óscar dan a vitoria ao Barco en Calabagueiros

Unhas 200 persoas asistían ao partido da 5ª xornada en terceira división disputado na tarde deste domingo ante o Pontellas, esperando que en futuros encontros se animen máis afeccionados

 

Á cuarta foi a vencida. Despois de tres partidos sen ganar, o CD Barco reencontrábase coa vitoria nesta peculiar liga e terceira división. E facíao en casa, no Estadio Municipal de Calabagueiros ante o CD Pontellas, penúltimo clasificado.

Malia que a chuvia ameazaba con continuar toda a tarde, finalmente daba tregua para desputar o partido da quinta xornada de liga, o segundo consecutivo en Calabagueiros, entre os equipos do Barco e O Porriño, ámbolos dous necesitados dos tres puntos en xogo.

 

 

Así, os de Manolo Pérez saltaban ao terreo de xogo dispostos a levar o peso do partido (viñan de perder en casa contra o líder, o Arousa) e lográbano, polo menos na primeira parte. De feito tiveron varias opcións antes de que Rodri Alonso marcase o primeiro tanto no minuto 19, nunha xogada pola banda con centro de Vera que remataba o dianteiro. O segundo gol chegaba apenas vinte minutos despois, tras outra xogada pola banda que remataba Óscar Martín. O Pontellas tivo tamén as súas ocasións pero ningunha conseguía sorprender a Oviedo, remantado a primeira parte co 2-0 no marcador.

Tralo paso polo vestiario, chegaban os cambios no baquiño barquense coas as entradas de Juanito Bazo, Pablo Rubio, Iván Tato e Villar, por Ivi Vales, Rodri Alonso, David Álvarez e Carlos Cruz, respectivamente. Pero o marcador xa non se movería, rematando o encontro coa segunda vitoria para o CD Barco no que vai de liga.

 

 

Para este encontro e debido á considerable melloría no panorama sanitario (cunha diminución considerable nos contaxios por Covid-19) no Barco de Valdeorras, Sanidade ampliaba a 300 o aforo (reforzando as medidas de seguridade), aínda que non chegaba a cubrirse rondando as 200 persoas, as que asistían ao partido dirixido polo trío arbitral: Óscar Martínez Santos, Jesús Piñeiro Lugo e Beatriz María Torres Corral. Dende o club esperan que, respectando as medidas e cos bos resultados do equipo, se vaian animando máis afeccionados.

Con este resultado o CD Barco sitúase no 8º posto da clasificación con 7 puntos. A vindeira semana viaxará ata Vigo para enfrontarse ao Rápido de Bouzas (dous postos por debaixo na táboa).

Fotos: Carlos G. Hervella

 

Artigos relacionados

Back to top button