OurenseÚltima hora

Os habitos saudables como garante da esperanza de vida

As XII Xornadas de Enfermería de Ourense analizarán como un ritmo de vida saudable pode axudar a atrasar a morte
María José Menor, Dionisio López Vellido e Esther Pérez. // Foto: Carlos Asensio. 

O Complexo Hospitalario Universitario de Ourense acollerá mañá, 10 de outubro, as XII Xornadas de Enfermaría da Ourense baixo o título “Hábitos saudables, unha inversión en saúde”. Asemade, tamén celebrarán o XIX Premio de Enfermaría da Xerencia da Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

O xerente da EOXI ourensá, Dionisio López Vellido, quixo salientar na súa intervención na presentación de hoxe, 9 de outubro, que o obxectivo é que os hábitos saudables saian fóra das paredes dos hospitais e centros de saúde. Segundo explicou o xerente “o 45% de posibilidades de aumentar a nosa esperanza de vida depende dunha vida sá e o 10% da medicina”. López Vellido asegurou que o seu traballo “é concienciar á poboación sexa consciente de que a saúde é un ben individual”.

Por todo isto, esta xornada concentra nun día en período de mañá e tarde. “Estas xornadas van ser multidisciplinares, haberá fisioterapeutas, auxiliares, terapeutas ocupacionais…”, dixo Esther Pérez, supervisora de Formación da Dirección de Procesos de Enfermaría. En canto ao premio, explicou, “vanse presentar cinco comunicacións orais, que son traballos de todos os tipos e temáticas”, explicou.

En canto ao programa, a directora de Procesos de Enfermaría da EOXI de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, María José Menor, asegurou que contarán “con relatores de excepción”, como a doutora en Farmacia profesora de Investigación do CSIC e Presidenta da Federación Española de Sociedades de Nutrición Alimentación e Dietética (FESNAD), Ascensión Marcos Sánchez, que vai ofrecer o relatorio inaugural sobre “Inmonutrición Macrobiótica”.

Outro relatorio que salientou María José Menor foi o que vai impartir a matrona e doutora, Raquel Rodríguez González sobre o exercizo acuático durante a xestación. Finalmente, esta xornada vai ser clausurada polo capitán enfermeiro da base aérea de Armilla (Granada), Juan Carlos Sánchez García, que versará sobre os hábitos de vida saudables en misións internacionais. Asemade, haberá unha mesa redonda sobre Termalismo, na que estará presente Nita Torres, xefa de servizo de Termalismo do Concello de Ourense; José Juan Cardeira Lois, director da área de Benestar da Deputación de Ourense  e a doutora en enfermaría e profesora da Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense, Reyes Pérez.

Tamén, como novidade deste ano, incorporan un obradoiro de solo pélvico e outro titulado Obradoiro de alimentación: “Da teoría á práctica”. O evento rematará coa entrega do XIX Premio Enfermaría da EOXI. Segundo estimou María José Menor, “xa hai case 300 participantes anotados”.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button