En portada

Os informes técnicos da candidatura da Ribeira Sacra á patrimonio mundial, en mans da Xunta

As Deputacións de Ourense e Lugo entregábanllos nun acto celebrado o 18 de xullo en Esgos
Un dos momentos do acto de entrega dos informes técnicos, no mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos).
Un dos momentos do acto de entrega dos informes técnicos, no mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos).

O mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos) acollía na mañá do 18 de xullo a entrega dos informes técnicos á Consellería de Cultura en relación á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial. No acto participaban o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o valedor do Pobo, o valdeorrés José Julio Fernández, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Juan Carlos Armesto, en representación da Deputación de Lugo, e o alcalde de Esgos, Mario Rodríguez.

Deste xeito, dase un paso máis, “coherente co que puxemos en marcha en setembro de 2013, cando tiven oportunidade de convocar aos alcaldes dos municipios ourensáns da Ribeira Sacra para anunciarlles que íamos relanzar a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial”, sinalaba o presidente da Deputación ourensá. E ademais pedíalle á Xunta a “máxima celeridade para que pronto poidamos celebrar esa distinción, que será un recoñecemento internacional de algo que para nós xa é patrimonio mundial, esta fermosa Ribeira Sacra”.

O conselleiro de Cultura sinalaba que o goberno autonómico “iniciará agora o camiño administrativo para conseguir o recoñecemento da Ribeira Sacra como ben da humanidade”. Por outra banda, o Valedor do Pobo resaltaba que é de xustiza “que a humanidade recoñeza o valor da Ribeira Sacra e tamén que o goce, porque a singularidade desta contorna así o merece”. No mesmo senso, Juan Carlos Armesto apuntaba que a Ribeira Sacra “máis aló do seu patrimonio, a súa paisaxe e o seu viño ten un valor máis que engadir: a unidade, pois 21 concellos, dúas deputacións, empresarios e a cidadanía da contorna estamos xuntos neste proxecto para que a Unesco e o mundo nos outorguen ese galardón”.

Despois da entrega da memoria científica, o seguinte paso neste proceso será a solicitude de expediente de Ben de Interese Cultural (BIC) por parte da Consellería de Cultura.

Artigos relacionados

Back to top button