En portadaGalerías de fotosÚltima horaXVIII Feira do Viño Valdeorras

Os mellores viños da feira valdeorresa

A entrega de premios da Cata oficial da XVIII Feira de Valdeorras tiña lugar no mediodía do 12 de xullo

Era un dos momentos máis agardados. Dous días despois de que un panel de 10 expertos valorase as 34 marcas das 16 adegas que participaban na XVIII Feira do Viño de Valdeorras para seleccionar os sete mellores viños desta edición, o resultado facíase público. Desvelábase no acto de entrega de premios da XVI Cata de Valdeorras no mediodía do 12 de xullo en Viloira, coa presenza do presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, José Vicente Solarat, do alcalde do Barco, Alfredo García, e dun dos membros do panel de cata, José Ramón Carlón.

A entrega comezaba pola mención especial “Viños doutras añadas” coa que se distinguía o Domus Roandi 2011 (Adegas Roandi de Éntoma, O Barco). Despois ían alternándose os galardóns en brancos e en tintos. No caso dos godellos os mellor valorados eran o Viñaredo (Adega Santa Marta, de Córgomo-Vilamartín), que lograba o primeiro premio, seguido do Coroa (A Coroa, A Rúa) e do D’Berna (Guitián y Blanco, de Córgomo-Vilamartín).

Nos tintos, o primeiro premio ía para Hacienda Ucediños mencía (Eladio Santalla Paradelo, O Barco), o segundo recaía no Ruchel Secretos Mencía (Bodega Ruchel, Vilamartín) e o terceiro recoñecía o Quinta da Peza mencía (Adega Quinta da Peza, A Rúa).

De seguido tiña lugar unha cata popular con estes mesmos viños e ademais, ao longo da mañá, o ambiente da feira estivo animado pola actuación da charanga Mekanika.

Fotos: Ángeles Rodríguez

Artigos relacionados

Back to top button