En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Os menores de 14 anos saen á rúa despois de 43 días de confinamento

En Valdeorras os cativos, acompañados por un maior, aproveitaban a mañá deste domingo para xogar un rato ao balón, ir en bici ou simplemente pasear

 

Nin máis nin menos que 43 días levaban os cativos de toda España sen saír de casa por mor do confinamento provocado pola pandemia de Covid-19, e hoxe, domingo 26 de abril, poden por fin pisar á rúa.

En Valdeorras non se fixeron esperar e xa pola mañá se podían ver cativos, acompañados por un adulto, fóra de casa. Uns aproveitaron para xogar un rato ao balón, outros para ir en bici e outros simplemente para estirar as pernas máis aló do pasillo de casa ou do xardín, no mellor dos casos. Pero aínda que contentos, por esta medida, nótase que aínda hai medo nos pais e non se saben moi ben como actuar. Será cuestión de tempo.

 

Un cativo xogando ao balón co seu pai na Rúa.

 

De calquera xeito, malia que a Orde SND/370/2020 publicada onte polo Ministerio de Sanidade establece que os cativos menores de 14 anos poderán saír unha vez ao día durante unha hora entre as 9 e as 21 horas, deberán cumprir unha serie de normas. Só poderán saír acompañados dun adulto responsable que conviva con eles (maior de 18 anos) que poderá estar acompañado dun máximo de tres nenos; a máxima distancia permitida é dun quilómetro da residencia do neno; permítese correr, xogar e facer exercicio respectando as o distanciamento social; poderán saír cos seus xoguetes ou patinetes, pero non poderán facer uso de parques infantís e zonas comúns; recoméndase que os nenos manteñan a distancia interpersoal durante os paseos e continúen lavando ben as mans; os cativos que vivan en entornos rurais, poderán pasear polo campo ou  bosque, seguindo as recomendacións anteriores; non poderán saír do fogar con síntomas compatibles co Covid-19; e por último, o uso de mascarillas para nenos non é obrigatorio, pero si recomendable.

Con respecto a este último punto, dende algúns concellos como Petín ou A Rúa facilitan mascarillas, tamén os pequenos. No caso da Rúa, contan con mascarillas e pantallas doadas por voluntarios que fabrican de maneira altruísta e cuxas indicacións e precaucións para a súa limpeza e uso aparecen nunha nota aclaratoria que acompañará a dita mascarilla/pantallas son entregadas por Proteccion Civil A Rúa previa solicitude do cidadán dirixíndose ao teléfono de atención ó cidadán ou no teléfono para trámites xerais do Concello.

Fotos: Mónica G. Bellver

Máis fotos no seguinte enlace: https://osil.info/a-primeira-saida-dos-nenos-dende-o-confinamento-no-barco-de-valdeorras/

Artigos relacionados

Back to top button