Trala morte de Castelao o 7 de xaneiro de 1950, nun tempo no que en Galicia non era posible chorar a súa perda, o dramaturgo e director de escena Daniel Varela Buxán decide render, nun acto privado diante da súa veciñanza, a súa particular homenaxe ao rianxeiro.

Varela Buxán fora o encargado de dirixir Os vellos non deben de namorarse na súa estrea absoluta en 1941 en Bos Aires e, a partires de aí, mantivo unha fonda amizade con Castelao. Por iso, para homenaxealo, Varela Buxán colocarase nun pequeno escenario onde trazará brevemente a peripecia vital de Castelao deténdose naqueles momentos literarios e artísticos que considera máis significativos. Entre outros, representará con marionetas parte da súa obra.

Isto é Castelao, un corazón á intemperie a nova produción de Fantoches Baj para público infantil e familiar, unha proposta de narración oral, monicreques, música tradicional e teatro de máscaras que busca dar a coñecer a Castelao entre os nenas e os nenos, reler e interpretar parte da súa obra e poñer en valor o galego, que recalaba no Barco de Valdeorras na tarde deste venres 23 de maio, no marco das Festas de Santa Rita e no marco do programa de Normalización Lingüística FalaRedes.
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.



