Como cada ano dende hai xa tres décadas, antes de coller as vacacións de Nadal, os cativos de O Bolo recibían a esperada visita de Papá Noel, unha inciativa promovida polo Concello.
Cargado de agasallos e acompañado polo alcalde Manuel Corzo e outros membros da corporación municipal, o entrañable personaxe navideño chegaba ao CEIP do Bolo pasadas as dez da mañá do 21 de decembro. Os cativos esperábano xa no pavillón e alí emocionados recibíano entre aplausos, sorrisos e abrazos, fotografándose sobre o seu regazo. E non é para menos xa que un a un íalles entregando os agasallos. Primeiro os detalles do Concello e despois os do propio colexio, así como os traballos realizados neste primeiro trimestre do curso xunto coas notas.
Despois de recibir os seus agasallos, os nenos acompañaban a Papá Noel e o alcalde ata a residencia da rerceira idade, ubicada moi preto do centro escolar e de regreso no colexio tiñan preparado un chocolate ben quentiño con biscoitos. Coma sempre, nenos, profesores e familiares pechaban a xornada tomando as uvas.
Fotos: Carlos G. Hervella.