ConcellosQuiroga

Os nenos xa poden volver aos parques infantís de Quiroga

 

Os xogos volven aos parques infantís de Quiroga. Dende esta tarde volver a abrirse ao público estes espazos de lecer para os máis pequenos, despois de tres meses pechados a causa do estado de alarma que hoxe remataba en Galicia co paso á nova normalidade.

Dende o Concello de Quiroga infórmase de que “os usuarios destes espazos infantís, os nenos, deberán cumprir coas normas que nos deixa esta nova normalidade á que pouco a pouco nos teremos que ir acostumando todos. Entre as medidas establecidas para os usuarios está a de manter a distancia de seguridade interpersoal, sempre que sexa posible, utilización de mascarilla (obrigatoria a partir dos seis anos de idade) e a hixiene de mans”.

Nos parques infantís desta vila lucense instalaranse carteis informativos nos que se detallarán as recomendacións a seguir ditadas pola normativa vixente. Ademais, para garantir a seguridade, operarios municipais procederán tres veces o día á limpeza e desinfección destes espazos nas áreas de contacto das zonas comúns, aproveitando os momentos nos que estes lugares de ocio infantil estean baleiros.

Desde o Concello de Quiroga apelan, “unha vez máis, á responsabilidade e precaución que debemos seguir mantendo todas as persoas”.

Foto cedida.

Artigos relacionados

Back to top button