Ata catro metais conquistaba o Club Adas do Barco no Campionato de Galicia Sub18 que se disputaba o sábado 8 de febreiro no Pazo de Deportes de Riazor, na Coruña, e no que “se puideron presenciar probas de moita emoción e calidade ao longo de toda a xornada”, tal e como destaca a Federación Galega de Atletismo (FGA).
Nesta cita o Adas lograba dous ouros, que viñan da man de Inés Docampo na proba raíña do medio fondo: os 1.500 m. Esta atleta valdeorresa remataba a competición cun tempo de 5:13.73. O segundo metal dourado colleitábao Lola Bouza, que ganaba a proba de pértega, cun salto de 3.26 m.
Ademais o club barquense facíase con dúas pratas. Belén García protagonizaba xunto a Lucía Sánchez (Atlética Lucense) unha emocionante carreira de 50 valos, na que finalmente quedaba segunda cunha marca de 7.66. Na categoría masculina especialmente interesante resultaba a proba dos 50 valos, cun duelo entre Hugo Vázquez (Marineda Atlético) e Luán Henrique do Adas, con vitoria final para o coruñés cun tempo de 7.20 fronte a 7.24 do barquense.