A experiencia do SilFest Valdeorras, dende os concertos das bandas, pasando pola enogastronomía e ata as actividade infantís, non sería posible sen o respaldo económico dos patrocinadores. Se ben é certo que nos seus inicios, nos anos 2015 e 2016, o festival botaba a andar cun apoio empresarial case testemuñal, no salto que o proxecto daba no 2018 os patrocinios pasaron a ser claves. E un dos primeiros que asinaba a organización era co Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras.
“Foi no 2018 foi cando entrou por primeira vez, fixemos un convenio de colaboración co CRDO e aí foi cando lle puxemos o apelido ao festival que pasou a ser SilFest Valdeorras. O acordo consistía en que eles dábannos apoio económico e nós a cambio aportábamos visibilidade ás adegas e viños de Valdeorras. Mesmo chegamos a ter un expositor no recinto con información da DO, mercamos viños das adegas interesadas en estar no festival, etc.”, explica José Carlos Vilor, un dos directores do SilFest.
Tamén a partir dese momento a organización comezou a solicitar a colaboración das empresas da comarca, tanto do sector da hostalería e como comercio, como de moitos outros, e establecéronse unhas tarifas de patrocinios con diferentes tramos. “A quen quixo entrar ofrecéuselle a posibilidade de colaborar a cambio de darlle visibilidade na comunicación, en redes e na pantalla que temos no festival, dependendo un pouco da aportación, pois saian soamente nunha cousa ou en varias”, prosegue Vilor.
A resposta, asegura, foi sumamente positiva e, co paso do tempo lograron afianzar ese apoio comarcal. “Ano tras anos, sempre me sorprende a gran colaboración que temos por parte de moitísimas empresas locais. Incluso a algunhas non hai nin que escribirlles, son elas as que se dirixen a nós para dicirnos que non lles chegou a nosa proposta. Contamos con empresas que, verdadeiramente realizan unha aportación sorprendente e que realmente o fan por colaborar, de forma desinteresada, e iso é de valorar e de agradecer moito. E nalgúns casos mesmo nos animan a continuar unha edición máis porque lles gusta o evento e participan nel como usuarios, aínda que despois como empresa non obteñan ningún retorno”, resalta o director do festival.
A esa listaxe de patrocinios sumábase Turismo de Galicia no 2019. “Para nós este convenio é moi importante xa que somos un dos dous eventos que o Xacobeo patrocina na provincia de Ourense. E esa importancia non só é pola aportación económica, senón polo feito de que nos teñan en conta e que lles interese o festival e que tamén que continúe facéndose”, comenta Vilor.
Hai dous anos o festival tamén asinaba un acordo de colaboración co Concello do Barco. “Dende a primeira edición dende o Concello déronnos facilidades, e logo si que despois, a medida que viron que o festival ía tendo unha sostibilidade e ía collendo unha entidade, pois fixeron ese convenio. O certo é que este é un evento que pon no mapa ao Barco, constitúe un recurso turístico e así o entenderon dende as concellerías de Cultura e Turismo”, indica o director.
Outro patrocinador de referencia no SilFest Valdeorras é Mahou, a través da súa marca de festivais Vibra Mahou. “Dende hai moitos anos Mahou como cervexeira danos un apoio non só económico, senón tamén loxístico, de recursos, aportando mesas, cadeiras, barras, temos tamén un par de concertos que asumen eles, o showcooking…”, matiza José Carlos Vilor.
Ao mesmo tempo, destaca que tamén resulta sumamente “potente o total sumado que nos dan as empresas locais, que, ademais, nunha porcentaxe moi alta. Ademais diso son usuarios do festival, apóiano non só a través do patrocinio, senón que compran a súa entrada e van e están aí e iso é moi importante tamén para nós”. Son máis de 90 empresas (poden verse en https://silfestvaldeorras.com/colaboradores) que, asegura “sempre están aí”, e mesmo responderon en conxunturas complexas como a crise do Covid. “Só o xesto de ter unha colaboración do tipo que sexa é moi moi de valorar e de agradecer”.
A intención da dirección do festival é continuar avanzando en patrocinios de cara a garantir a continuidade do evento e tamén que siga evolucionando. “Se o vindeiro ano vén un diñeiro extra por parte das administracións, pois iso axudará a que o festival dea un pasiño máis, e siga crecendo, na mesma liña de calidade, en cantidade”, conclúe.