SanidadeÚltima hora

Os Plans Locais de Saúde desenvólvense xa en 10 servizos de Atención Primaria da provincia

Este sistema de traballo este potencia un novo modelo integrado na comunidade

 

A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Sofía López Linares, visitou esta mañá os Centros de Saúde de A Cuña-Mariñamansa e O Carballiño, onde mantivo unha reunión de traballo cos seus responsables, para avaliar e recibir as súas achegas sobre o desenvolmento dos Plans de Saúde Local implantados en ambos, e que en Ourense se estenden xa a dez servizos de Atención Primaria.

Os Plan locais de saúde son instrumentos vivos, abertos e participativos que facilitan o desenvolvemento dun novo modelo de atención primaria, con vocación pola comunidade, na que se prima a integración do Centro de Saúde no tecido social, coñecendo ás asociacións de veciños, ás farmacias comunitarias, aos colexios e ás residencias sociosanitarias, ademais dos servizos dispoñibles nos barrios e os concellos para, entre todos crear sinerxias de protección e coidado da saúde.

A directora destacou o intenso papel na promoción da saúde comunitaria das e dos profesionais de Atención Primaria da Área de Ourense, Verín e Valdeorras e subliñou o valor dos plans de saúde para “servir de guía tanto na planificación de medios e, moi especialmente, potenciar o valor do equipo, destacando fortalezas, como a de potenciar o papel da primaria como referentes do coidado e seguemento dos pacientes crónicos”.

Aos encontros mantidos en ambos centros esta mañá, cos xefes de servizo e coordinadores, asistiron tamén a directora de Atención Primaria da Área Sanitaria de Ourense, Isabel Gómez, e a subdirectora de enfermería, Josefa Rodríguez.

 

 

Radiografía dos Servizos de Atención Primaria

A posta en marcha deste plan iniciouse en 2021, en modo piloto, coa participación dos Centros de Saúde de Castro Caldelas e Xinzo de Limia. O pasado ano, 2022, incorporáronse os servizos de A Cuña-Mariñamansa, Allariz, Novoa Santos e O Barco de Valdeorras, aos que se sumaron este ano 2023 os de Valle Inclán, Ribadavia, O Carballiño e Celanova.

A directora xeral apuntaba que os Plans Locais de Saúde son a mellor radiografía da saúde dos veciños de cada territorio, “así como a mellor guía para planificar toda acción que poida mellorar a calidade de vida da súa poboación de referencia”.

Cada Plan inclúe un conxunto de accións, definidas por parte dos responsables dos servizos de atención primaria. Ademais, cada Área Sanitaria adquire un compromiso para facilitar o logro dos obxectivos propostos. Xunto a elo os resultados obtidos e as accións de mellora son obxecto de seguimento e medición periódica.

Da avaliación dos resultados nos 14 primeiros servizos de primaria, que asinaron o seu plan local para o período 2022-2025, o de Castro Caldelas destacou polo uso do Sistema de xestión integral da demanda en equipo (XIDE), aplicación que da resposta a unha reivindicación histórica da Atención Primaria, en canto a posta en valor de todo o equipo profesional na asistencia diaria.

Estes bos resultados, da primeira quenda de centros, agárdase que continúen tamén este ano, nos 29 novos servizos de atención primaria que comezaron a executar o seu Plan local de saúde no período 2023-2026.

Artigos relacionados

Back to top button