OurenseÚltima hora

Os Reis Magos chegarán a Ourense en tren e con fogos artificiais á beira do Miño

A comitiva irá dende a avenida das Caldas ata a Praza Maior e rematarán na Comisaría da Policía Local
Cabalgata de reis do ano pasado. 

A campaña “Ourense con Luz Propia” pon o seu broche de ouro este xoves 5 de xaneiro coa celebración ca tradicional Cabalgata de Reis e, ao remate e por vez primeira, haberá un espectáculo de fogos de artificio nas marxes do río Miño. As súas maxestades chegarán á estación de tren do Empalme cara ás seis da tarde e, dende alí, iniciarán un percorrido polas rúas da cidade atravesando a avenida das Caldas, a ponte Romana, Progreso e Doutor Marañón para entrar pola Praza Maior ás oito do serán.

Pero as súas maxestades Os Reis Magos de Oriente non veñen sós á cidade. Melchor, Gaspar e Baltasar traen unha comitiva de 300 persoas consigo que vanse encargar da animación e figuración dentro das carrozas. Pechando este desfile de luz, música, animación e cor están os servizos de limpeza, que limparán todo para que volva á normalidade a cidade.

Na Praza Maior, as súas maxestades dirixiranse aos nenos alí congregados. Logo diso, a comitiva trasladarase até Comisaría de Policía Local, na rúa Victoria Kent, escoltados por vehículos policiais e de Protección Civil.

Os actos do xoves pecharanse cun espectáculo pirotécnico que quere, por vez primeira, unirse á maxia da noite. Así, dende a marxe dereita do río Miño, farase unha demostración de luz e cor que fará as delicias dos ourensáns e así porán o broche ao Nadal.

Cortes de tráfico

Por motivos de seguridade para a pirotecnia, a rúa Ribeiriño manterá pechada desde mediados da tarde. A Policía Local manterá igualmente un dispositivo de control para que o público non invada a estrada N-120 durante o espectáculo dos fogos de artificio.

Por outra banda, a Policía Local recoméndalle aos condutores que traten de evitar o acceso ao percorrido da cabalgata, xa que haberá diversas rúas pechadas. O primeiro corte de tráfico será ás 17:00 horas no barrio da Ponte. En concreto, anularase o acceso á avenida das Caldas e á explanada da estación do Empalme. Como itinerarios alternativos, a Policía Local propón que os vehículos que proveñan da estrada de Vigo (N-120) ou de Madrid (N-525) cara a Santiago, accedan pola estrada de Monforte (N-120) e viceversa.

En canto aos vehículos que baixen pola avenida de Santiago deberán acceder á avenida de Marín e Ponte Nova. Canda a cabalgata cruce a Ponte Romana abrirase o tráfico nestes tramos.

Pouco antes das 18:00 horas pecharase ao tráfico rodado o resto do itinerario. Por iso, hai que evitar circular desde o Xardín do Posío en sentido do centro da cidade ou acceder á rúa do Progreso dende o Pavillón dos Remedios, avenida da Habana, Sáenz Diez, Juan XXIII ou Parada Justel. Os itinerarios alternativos consideramos pola Policía Local son a través de San Francisco, O Couto o Centro Cidade por Curros Enríquez.

Do mesmo xeito, retiraranse os veladores instalados na rúa do Progreso para o mellor tránsito do público, volvendo todo á normalidade logo de que os servizos de limpeza recollan o lixo da cabalgata.

Artigos relacionados

Back to top button