En vehículos clásicos chegaban ás cinco e media da tarde á estación de autobuses do Barco Melchor, Gaspar e Baltasar, acompañados do seus paxes. Unha vez alí, onde xa había nenos agardándoos, subíanse a cadansúa carroza para iniciar unha longa cabalgata que percorría o centro da vila ata chegar á praza do Concello do Barco.
Numerosas persoas seguían o percorrido dos Reis Magos que agallasaban a nenos e maiores con caramelos. Ao chegar á praza do Concello, os Reis Magos eran recibidos polo alcalde do Barco, Alfredo García. Despois entraban no antigo edificio da Casa Consistorial, dende cuxo balcón tiñan lugar varias intervencións.
Primeiro tomaba a palabra Alfredo García para darlles a benvida aos Reis Magos e pedirlles que, ademais de agasallos, nesta noite do 5 de xaneiro deixen “moita ilusión”. A continuación, Melchor, dirixíase aos máis pequenos para contarlles que na súa viaxe dende Oriente ata O Barco pasaron por moitos países, algúns dos cales estaban en guerra. Ademais lembrábanlles como debían deixar todo preparado nesta noite para recibir a súa visita nos seus fogares e despedíanse ata o vindeiro ano.
Fotos: Ángeles Rodríguez.