En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Os rituais de inverno retan á chuvia en Viana do Bolo

Esta vila ourensá acollía na mañá do 29 de xaneiro a segunda xornada da III Mascarada Ibérica coa participación de 25 festas de inverno da península

Malia que o tempo non acompañaba, as máscaras non se arredaban e envolvían do seus ritmos, cores e sons as principais rúas de Viana do Bolo. Esta vila acollía na mañá do 29 de xaneiro a segunda xornada da III Mascarada Ibérica. Nela participaban unhas 25 celebracións de inverno de diferentes puntos da península.

Abría o desfile, que partía dende as proximidades do Toural, a Asociación Xuntos polo Folión de Vilariño de Conso. O trepidante toque deste folión ía precedido polos abraiantes saltos dos seus Boteiros de diferentes pobos do municipio. Logo facían acto de presenza os Caretos de Lazarim (norte de Portugal), as Talanqueras de San Martín de Castañeda (Zamora), os Troteiros de Bande, os Sidros de Valdesoto (Asturias), os Caretos de Parada (norte de Portugal), o Folión de As Carrelas (Viana do Bolo), o Antrudio Paré de Piasca (Cantabria) e os Galos de San Pedro da Mezquita.

Desta comitiva de máscaras formaban parte asemade os Peliqueiros e o Parranfón de Campobecerros, o Folión do Casco Vello de Viana, o Folión de Buxán (O Bolo) acompañado polo elegante baile das súas Mázcaras, o Oso e as Bonitas de Sande, o Atenazador de San Vicente de la Cabeza (Zamora), un numeroso grupo de Vellarróns de Riós, os Volantes e os Maragatos de Santiago de Arriba (Chantada), os membros da Asociación de Folións Rurais de Viana do Bolo, Mascaraos de Vilaboa (Ousilhão, norte de Portugal), os Touros e os Xigantes de Celavente (O Bolo) e a escola de gaitas desta localidade, o Fulión da Mourela p’acá (Manzaneda), o Folión Alternativo de Viana do Bolo, os Felos de Maceda e as Madamas e Galáns de Cobres (Pontevedra).

O desfile concluía ao redor das dúas da tarde nunha praza Maior de Viana ateigada de público. Despois, a organización ofrecíalles aos grupos participantes un xantar no pavillón polideportivo de Viana. Esta III Mascarada Ibérica ten sido organizada pola Comisión do Entroido 2017 de Viana do Bolo, pola Asociación Xuntos polo Folión de Vilariño de Conso, coa colaboración destes dous concellos e da Asociación de Mulleres Rurais de Viana do Bolo.

Fotos: Carlos G. Hervella/ Ángeles Rodríguez

Máis información e fotos:

https://osil.info/os-enmascarados-toman-vilarino-de-conso/

Artigos relacionados

Back to top button