Na tarde deste mércores 15 de xaneiro os servizos de emerxencia rescataban a un home que caera por un terraplén na parroquia da Parada da Serra, en Castrelo do Val.
Tal como indican dende o 112 Galicia, era unha familiar do implicado quen chamaba pouco antes das 14 horas, explicando que este caera por un terraplén duns cinco metros de desnivel. “A persoa atopábase consciente e orientada, aínda que nunha zona de difícil acceso, polo que foi necesaria a intervención dos Bombeiros de Verín e do GES da Gudiña”, explican dende o 112, indicando que unha vez localizado e rescatado, “o ferido foi evacuado ata o punto no que agardaba a ambulancia, que o trasladou ao centro hospitalario de referencia”.
No operativo tamén participaban os servizos sanitarios e a Garda Civil.