
Na tardiña deste domingo 16 de agosto descargaba a tormenta no Barco de Valdeorras, con pouca auga pero fortes refachos de vento que deixaban incidencias en varios puntos do municipio.

A máis destacable son as ramas dunha das árbores da entrada aos xardíns da Casa Grande de Viloira. Unhas esgazaban e outras quedaban cargadas de auga con perigo de caer tamén sobre a beirarrúa. Para retiralas, tanto unhas coma outras, desprazábanse ata o lugar os bombeiros do parque comarcal con dous camións e o GES Valdeorras cun único efectivo de garda.

Unha vez alí comprobaban que tamén había ramas caídas sobre a rede de protección que cubre o parque infantil e tamén polo chan, xa dentro dos xardíns, procedendo a precintar o espazo infantil para evitar posibles accidentes antes da retirada dos restos vexetais.

En Soulecín o GES tamén retiraba unha árbore caída. Ata ese lugar acudía asemade a Policía Local.
Fotos: O SIL.