PolíticaÚltima hora

Os socialistas de Ourense reivindican o arranxo da ponte sobre o Xares que une O Seixo con Barxa (O Bolo)

Esta infraestrutura quedaba seriamente dañada trala riada do 20 de decembro do ano pasado

 

Na noite do 20 de decembro de 2019 a forte riada do río Xares que atravesa a localidade de Barxa (entre San Martiño e O Seixo) partía o piar central dunha das pontes desta aldea bolesa. A ponte segue en pé pero dada a profunda fenda quedaba cortada ao tráfico rodado. Aínda que a aldea ten outro acceso pola zona alta, é moito o rodeo que teñen que dar os veciños (tanto de O Seixo para ir ao Concello, como de Barxa e San Martiño para facer calquera xestión a vilas como A Rúa ou O Barco).

Case un ano despois a situación segue igual, por iso na mañá deste luns 30 de novembro tiña lugar na propia ponte, un acto reivindicativo do PSdeG-PSOE de Ourense ao que asistían o voceiro e secretario provincial, Rafael Villarino; o deputado e tenente de alcalde do Barco, Aurentino Alonso; o deputado, Nacho Gómez; o senador, Miguel Bautista; e o voceiro socialista no concello do Bolo, Juan Ferreira.

 

Estado actual da ponte de Barxa.

 

Ferreira asegurou que un ano despois da traxedia “o único que hai é un proxecto da Deputación no que consta que a ponte hai que tirala e facela de novo, unha obra que custa 500.000 euros, cartos que evidentemente o Concello non ten”, engadindo que dende a oposición seguen dispostos a axudar e buscar colaboración das Administracións, da empresa e dos entes que sexa necesario pero “que se cree unha comisión bipartita para buscar solucións conxuntas”.

O deputado Aurentino Alonso asegurou que algo parecido pasa na estrada de San Vicente (en Vilamartín) e na de Manzaneda (OU-0701). “En 15 quilómetros á redonda temos dúas estradas cortadas e unha con bastantes dificultades polo que dende o grupo socialista imos pelexar para que a Deputación se implique en profundidade neste tema, así como a Xunta e a Confederación Hidrográfica dende logo. O que falta é vontade de querer solucionar o problema e xuntarse con quen pode colaborar”.

O secretario provincial Rafael Villarino pola súa banda, lamentou que “a situación desta ponte sexa un sinal do abandono do rural”, insistindo en que dende o PSdeG-PSOE “loitaremos tanto a nivel Deputación como Xunta e Estado para que o concello de O Bolo teña unha comunicación tan básica como imprescindible, como é unha ponte”.

Ao acto tamén asistían algúns veciños.

 

 

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella

 

Artigos relacionados

Back to top button