“Este Goberno cumpriu sacando a concurso a circunvalación, cumpre poñendo cartos para a A-76 e cumpre co proxecto do novo tren que será a longo prazo pero tamén está aí”. Así de rotundo se amosaba o alcalde do Barco, Alfredo García, na rolda de prensa que na mañá deste luns 10 de outubro daba xunto ao senador socialista Miguel Bautista, para valorar os orzamentos xerais do Goberno de España.
Uns orzamentos que afectan á comarca valdeorresa especialmente nestes tres puntos. Con respecto ao tren, Miguel Bautista asegurou que a Valdeorras tamén lle afecta directamente os presupostos para as provincias de Lugo e León. Nese sentido, explicou que Adif consigna un total de 99,7 millóns para o tramo Ourense-Monforte-Lugo, “o que fai o tramo Ourense–Monforte, que é o que utilizamos nós mellore”, dixo engadindo que “van case 100 millóns de euros para ese ramal, pero ao mesmo tempo destínanse outros 55,6 millóns, dos cales, 43,5 son na provincia de Lugo, para a liña de conexión con León e 9,8 na provincia de Ourense, entendo eu desde a Rúa en diante”, destacou adiantando que “por primeira vez na historia, vai unha partida para o estudo do nó do Manzanal, que é de vital importancia para esta comarca”.
Con respecto á A-76 o senador asegurou que “por fin empeza a falarse en serio” cunha partida presupostaria importante de 48 millóns de euros para empezar aínda que sexa por Villamartín da Abadía, “porque a estrada empeza aí”, dixo Miguel, facendo referencia a unhas declaracións da ministra de Fomento do PP Ana Pastor nunha reunión con empresarios e representantes locais do PP valdeorreses no 2012 nas que dicía: “construírase a Autovía Ponferrada Ourense cando exista dispoñibilidade orzamentaria”, ao que aseguraba que “agora xa a hai”.
Con respecto ao feito de que comece en Villamartín, Alfredo García explicou que había un acordo entre alcaldes e empresarios tanto do Bierzo como de Valdeorras “no que sempre defendimos que o importante era que empezara a A-76 daba igual por onde, pois que o faga polo principio. De feito o tramo de Villamartín-Requejo pode estar listo para saír a concurso antes que o tramo O Barco-A Veiga de Cascallá, polo que estamos dacordo”, dixo, destacando que “o importante é que hai diñeiro para a realización do estudo do tramo de Monforte, tamén para o tramo intermedio Requejo-A Veiga de Cascallá e diñeiro secuenciado ata o 2026 para o primeiro tramo”.
O terceiro tema para o que tamén hai partida presupostaria (20,5 millons de euros) é a conexión entre a N-120 e a N-536, a chamada Circunvalación do Barco. “Todos os problemas que había xa están solucionados e están traballando en varios sitios (na zona de Candís, no túnel que en 10-15 días será a pleno rendemento e tamén na parte do Serro. Queda algún problema na ladeira de Millarouso pero nos presupostos para o ano que vén aparece aproximadamente o 50% do que hace falta polo que esta obra terminarase nun prazo razoable”, sentenciou o socialista Alfredo García.