PolíticaÚltima hora

Os socialistas ourensáns celebran a segunda volta das primarias a Secretario Provincial

Tanto Noela Blanco como Rafael Rodríguez Villarino amosaron o seu optimismo e reamarcaron a importancia destes comicios para o partido e para a provincia
Mesa situada na sede de Ribeira de Canedo. // Foto: Carlos Asensio.

Nova xornada electoral para o socialismo na provincia. Dende primeira hora da mañá de hoxe, 30 de decembro, a sede provincial de Ribeira de Canedo, en Ourense, abría as súas portas para que a militancia elixise entre os candidatos Noela Blanco e Rafael Rodríguez Villarino. Estes dous aspirantes á Secretaría Provincial foron os dous máis votados na primeira volta celebrada o pasado 17 de decembro pero, ao non obteres ningún o 50% dos votos da militancia, tiveron que realizar estes segundos comicios.

Cara ás once e media da mañá, a candidata e deputada por Ourense no Parlamento de Galicia, Noela Blanco, exercía o seu dereito a voto en Ribeira de Canedo. A candidata dixo que hoxe “pode ser un día histórico”. Blanco fixo esta afirmación posto que “a ninguén se lle escapa que podo ser a primeira muller que alcance unha secretaría provincial, non só en Ourense senón en toda a comunidade autónoma galega”. Neste senso, a socialista asegurou que “temos a oportunidade de rachar con ese teito de cristal que leva demasiado tempo solidificado”.

Noela Blanco continuou co argumentario que levou durante toda a campaña: “temos a oportunidade de pasar páxina”, dixo. Asegurou que é o momento dun cambio “real” que a militancia “vén reclamando” dende hai moito tempo.

Momento da votación de Noela Blanco. // Foto: Carlos Asensio.

Tamén esta mañá, e a pesares de votar pola tarde en Amoeiro; concello do que é alcalde, Rafael Rodríguez Villarino pasouse por Ribeira de Canedo. Nunhas breves declaracións aos medios, o candidato apuntou que afronta esta xornada “con moito optimismo” e esperando a que “se ratifiquen” os resultados da primeira volta. Xa en clave de futuro, Villarino remarcou que o que espera é “un cambio para esta provincia” e que deixe de ser “o furgón de cola”, recalcou, “de toda España e Galicia”. O candidato falou de unidade tamén: “se non estamos unidos non temos forza”.

En termos de participación, tanto Rafael Rodríguez Villarino como Noela Blanco coincidiron en que é “unha xornada complicada polas datas nas que estamos”. Pero Villarino apuntou que “esta é unha ocasión moi importante e non é indiferente a ninguén”.

Ningún dos candidatos tiveron contacto previo a estes comicios pero o alcalde de Amoeiro asegurou que tras as primarias, e independentemente dos resultados, “teremos un contacto máis estreito, porque deixaremos de ser adversarios fraternais e pasaremos a seres compañeiros”.

Preguntado polas lealdades ao Secretario Provincial, xa que Noela Blanco dixera que ela ía ser “leal” saíse quen saíse elixido, Villarino subscribiuse a esas palabras “porque se non non seríamos nin socialistas nin demócratas”, aseverou.

Texto: Carlos Asensio.

 

O candidato Rafael Rodríguez, votando na mesa electoral de Amoeiro./ Foto cedida.

Artigos relacionados

Back to top button