EconomíaEconomíaÚltima hora

“Os soutos constitúen un dos mellores exemplos de produción sustentable e diversificada”

A través dun comunicado de prensa, o presidente da IXP Castaña de Galicia, Jesús Quintá, vén de responder ás manifestacións realizadas no Parlamento galego polo presidente do Clúster da Madeira
O presidente da IXP Castaña de Galicia, Jesús Quintá.

O presidente da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia, Jesús Quintá García, vén de emitir un comunicado en resposta ás manifestacións realizadas días atrás polo presidente do Clúster da Madeira na Comisión especial de estudo e análise das reformas da política forestal no Parlamento de Galicia. Asegura Quintá no texto enviado aos medios que “non podo permitir que para defender ao eucalipto arroxe lixo sobre un sector tan nobre como é o dos castiñeiros e as castañas. Non é de recibo que se ataque a un sector produtivo como argumento para defender a outro”.

Ademais destaca o valor natural e o peso socioeconómico da produción de castaña para Galicia, e en especial, para as zonas rurais. “Os soutos constitúen un dos mellores exemplos de produción sustentable e diversificada, permitindo ás familias do rural unha opción de ter ingresos todos os anos mantendo a biodiversidade e minimizando riscos. Son moitas as persoas que están plantando castiñeiros de froito, posto que a produción de castaña é unha das actividades de maior rendibilidade do medio rural. Galicia ten que traer de fóra máis de 10.000 toneladas de castaña para que a industria poida satisfacer a demanda actual, os viveiros non son capaces de producir a planta ao ritmo que se está a demandar, acadamos porcentaxes de máis do 70% de exportación de castaña e, por suposto, os soutos con criterios profesionalizados non arden e persisten despois de séculos producindo castañas. Non sei se os que representa estarán de acordo coas súas afirmacións, coido que se a prevención e a extinción dos lumes a tiveran que pagar directamente os seus defendidos con tanta vehemencia probablemente pensarían en plantar castiñeiros”.

Quintá tamén lle aconsella ao presidente do Clúster da Madeira que se informe antes de falar dun sector que, “a todas luces descoñece, posto que se é propietario de castiñeiros coido que pode interesarlle saber como facelos rendibles. Que pregunte ás miles de familias do interior de Galicia que con este humilde produto complementan as súas economías. A castaña en Galicia é unha produción social, non de inversión colectiva, unha produción natural, e repito non arde. Pregunten ás xentes de Portugal, As Neves, Riós… que é o que ardeu e onde paraba o lume”.

Artigos relacionados

Back to top button