SanidadeÚltima hora

Os tres hospitais da provincia participarán na iniciativa “Pequenos pacientes, grandes lectores”

A área sanitaria ourensá vén de asinar cun convenio coa Fundación "Cultura en Vena" para promover a presenza das artes nos centros sanitarios

 

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras vén de asinar un convenio coa Fundación “Cultura en Vena” que ten por obxectivo promover a presenza nos centros sanitarios da provincia de artes como a pintura ou a música como vehículos de saúde e benestar para pacientes, acompañantes e profesionais.

“O convenio permitirá colaborar para promover ou organizar concertos, exposicións, conferencias, cursos, sesións de estudo e formación, campañas de sensibilización , etc. Promovendo e contribuindo a xerar emprego para músicos, artistas e xestores culturais, desenvolvendo ademáis actividades de voluntariado cultural. Ademais márcase o obxectivo de promover e/ou realizar estudos e investigacións relacionadas cos fines da fundación e organizar campañas de difusión nos medios das distintas actividades e editar materiais relacionados en distintos formatos”, tal e como informa o Sergas.

Centos de estudos clínicos amosan evidencias científicas sobre o efecto positivo da cultura no ámbito da saúde. A nivel europeo e nacional, nos últimos anos creáronse novos marcos institucionais que suxiren a necesidade de integrar o uso de prácticas artísticas nas políticas sanitarias, animando a asumir esta responsabilidade tamén ás industrias culturais. Neste marco, xurde precisamente Cultura en Vena, na súa primeira colaboración cun centro galego e experiencias previas con hospitais de Madrid, Segovia, Zaragoza ou Valencia.

 

 

As artes como fuxida e como alento

O novo convenio permitirá afondar na liña de traballo que neste eido desenvolve a Área Sanitaria, entre outras iniciativas, mediante o convenio coa Fundación Quessada, que permite expoñer, de xeito permanente e gratuíto, parte da obra do artista ourensán Xaime Quessada Porto e do seu fillo Xaime Quesada Blanco no Hospital Universitario de Ourense. Tamén a música esta moi presente no hospital grazas ao convenio coa Asociación Galega de Musicoterapia, que colabora activamente con algúns servizos como Psiquiatría.

A arte como forma de limitar a dor é unha ferramenta ben coñecida polos profesionais de saúde mental de Ourense, que pilotan o proxecto “Arte Espida” que pon en valor os traballos artísticos dos pacientes das unidades de Piñor, ademáis dos que se conservan do “Sanatorio de Toén”, hospital psiquiátrico de Ourense entre 1959 e 2012, e que proximamente formarán parte dunha exposición no Centro Cultural Marcos Valcarcel.

 

 

Pequenos pacientes, grandes lectores

A primeira iniciativa no marco do convenio con “Cultura en Vena” será a participación dos tres hospitais ourensáns na terceira edición de «Pequenos pacientes, grandes lectores» dirixida inicialmente a estimular a escritura creativa dos rapaces/zas ou mozos/as ingresados –de entre 7 e 16 anos- para compoñer un conto que formará parte dunha biblioteca dixital, accesible para os e as pacientes dos hospitais participantes de todas as idades, promovendo tamén a lectura e a reconexión coa infancia, tan necesaria durante un ingreso.

O programa compleméntase con doce vídeo obradoiros, nos que se trata de xeito ameno e comprensible temas como a creatividade, as emocións básicas e diferentes aspectos da escritura e o relato.

Ademais de formar parte dunha biblioteca dixital en liña, unha selección dos contos participará nunha exposición itinerante por hospitais e comunidades rurais, dentro do programa de Arte Ambulatoria organizado por Cultura en Vena. O prazo de presentación, nesta terceira edición, estará aberta ata o 30 de xuño de 2023 para recibir os relatos. .

Músicos Interno Residentes e Exposicións

Os principais eidos de actuación da Fundación Cultura en Vena son os centros sanitarios, onde traballan para mellorar a saúde e o benestar dos pacientes, dos seus acompañantes e dos profesionais a través das artes, e tamén das comunidades rurais en risco de despoboamento, achegando a arte plástica ou a música en directo, promovendo así un modelo de desenvolvemento onde a cultura sexa un ben cotiá e accesible.

Para elo, traballan coa figura dos “Músicos Internos Residentes”, un proxecto que xera un triplo impacto social, favorecendo a humanización e a investigación clínica, sobre o efecto da música, e das artes en xeral, na saúde, así como promovendo a inserción laboral de novos artistas.

Outro dos vehículos para inxectar cultura no ámbito sanitario é o proxecto “Arte Ambulatorio” con exposicións itinerantes en centros sanitarios e zonas rurais da España baleirada, creando novos espazos permanentes para a cultura, en hospitais ou centros de saúde, intervindo nos vestíbulos de acceso, salas de espera ou nas habitacións.

Os contidos das exposicións son xestionados cos principais museos e coleccións españolas e europeas, así como con artistas contemporáneos comprometidos coa posta en valor da cultura nos ámbitos da saúde. Asemade, as exposicións ambulatorias seguirán o seu percorrido, e poderán verse en áreas ou concellos en risco de despoboamento ou con acceso limitado a contidos culturais.

O convenio foi asinado polo xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, Félix Rubial e polo presidente e fundador de Cultura en Vena, Juan Alberto García de Cubas, acompañados pola xefa do servizo de Humanización e Atención ao Paciente, Belén Piñeiro.

Artigos relacionados

Back to top button