Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Os vicepresidentes da CEO dirixirán a entidade ata novas eleccións

Así se acordaba na xunta directiva que esta organización empresarial celebraba tras o falecemento do seu anterior presidente, José Manuel Pérez Canal

Por unanimidade a xunta directiva da CEO aprobaba na tarde do 22 de novembro que os catro vicepresidentes desta organización empresarial dirixan “de forma colexiada a xestión”, tal e como eles mesmos tiñan proposto; en lugar de que se votase un novo presidente entre eles para cubrir a vacante tras o falecemento do anterior presidente, José Manuel Pérez Canal.

Así, Marisol Nóvoa, Alejandro Cruz, Manuel Maneiro e José Manuel Díaz Barreiros exercerán a presidencia conxuntamente. O último deles exercerá como portavoz institucional en un mandato que terá carácter transitorio ata a convocatoria de novas eleccións, “nas que todos poidamos expresarnos e manifestarnos libremente sobre o futuro da CEO”, segundo indicaba o propio Díaz Barreiros, que agradeceu “a confianza recibida en todo este tempo”. Seguindo os estatutos, os novos responsables da Confederación Empresarial dispoñen do prazo dun ano para convocar eleccións, aínda que a idea é que posiblemente non se esgote este período.

Ademais indicaba que o futuro inmediato a CEO “ten diante de si retos importantes relativos ao ámbito da formación, así como nas infraestruturas polas que estivemos pelexando nos últimos anos: o AVE, a A-76, a A-56 ou o corredor ferroviario do Noroeste cara Europa”, sen olvidar o importante momento que vive a Confederación de Empresarios de Galicia “na que están en xogo cuestións vitais para Ourense”. Recordou tamén a Pérez Canal neste particular dicindo que “o noso falecido presidente reclamábanos sempre que deberíamos defender os dereitos e a representativida da provincia nesa institución”.

Previamente, Alejandro Cruz dirixíase aos membros da xunta directiva presentes no salón de actos (con asistencia máis numerosa do habitual) para recordar ao presidente falecido, José Manuel Pérez Canal, e pedía que se lle recordase como “home traballador e honesto, con vocación de servizo, sempre preocupado polo futuro da CEO”. Despois pedía un minuto de silencio en memoria de Pérez Canal, que se pechaba con fortes aplausos dos asistentes.

Artigos relacionados

Back to top button