EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Os viños da D.O. Monterrei preséntanse en Madrid

Será o 22 de xullo nun acto dirixido a prensa e público especializado na Casa da Galicia
Cata de viños de Monterrei, no acto celebrado hai uns días en Santiago.
Cata de viños de Monterrei, no acto celebrado hai uns días en Santiago.

Despois do éxito de participación logrado no acto promocional celebrado o 14 de xullo en Santiago, a Casa de Galicia en Madrid acollerá o 22 de xullo unha nova mostra itinerante dos viños da Denominación de Orixe Monterrei. Alí presentaranse 46 marcas de 19 adegas desta zona ourensá.

Esta xornada está dirixida a medios de comunicación e a colectivos profesionais relacionados co sector vitivinícola (hostaleiros, distribuidores, sumilleres, etc.). Nela participará a presidenta do Consello Regulador da D.O. Monterrei, Asunción Rodríguez, que estará acompañada por técnicos deste órgano réctor e tamén polo experto Luis Paadín, que se encargará de ofrecer as explicacións técnicas de cada un dos viños.

Ademais prevese contar coa asistencia, entre outros profesionais, da enóloga e presidenta da Asociación Española de Periodistias e Escritores do Viño, María Isabel Mijares, o presidente da Asociación Madrileña de Sumilleres, Javier Gila, e o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia na capital española, José Ramón Ónega.

Ao mesmo tempo, ao longo do 22 de xullo na Casa de Galicia estará aberto o “Túnel do Viño de Monterrei” de 11h. a 14h. e de 18h. a 21h. As persoas interesadas en adquirir algún dos viños da mostra poderán facelo nun punto de venda que se habilitará nestas mesmas instalacións.

Artigos relacionados

Back to top button