
Dúas das catro denominacións de orixe ourensás estarán presentes do 18 ao 20 de marzo nun dos certames de referencia do sector a nivel internacional: Prowein 2018, en Düsseldorf (Alemaña).
Entre os stands participantes estará o do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras que leva xa anos acudindo a esta cita. Nel estarán presentes un total de 12 adegas e exhibiranse máis dunha vintena de referencias de brancos e tintos da comarca, principalmente godellos e mencías. Trátase de viños pertencentes ás adegas A Coroa, Melillas e Fillos, D´Berna, O Casal, Godeval, Roandi, Joaquín Rebolledo, Rafael Palacios, Quinta da Peza, Alán de Val e ás cooperativas Virxe das Viñas e Jesús Nazareno.
O presidente do Consello Regulador alude ao “potencial escaparate” que supón a feira alemá: “trátase dunha das citas máis importantes do sector, xa non só en Europa senón en todo o mundo, con máis de 6.000 expositores de ata 300 rexións vitivinícolas diferentes”. García Pando confía en que Prowein contribúa “a reforzar o posicionamento da marca Valdeorras” e que permita “achegar os nosos viños a novos nichos de mercado”.
Será o vicepresidente do organismo, Marcos Prada, quen se desprazarase ata Düsseldorf para participar nesta feira que comeza mañá, xunto a membros do equipo técnico da D.O.
Neste certame alemán participará tamén, por terceiro ano consecutivo, o Consello Regulador da Denominación de Orixe que organizou un Túnel del Vino no que participan 17 adegas aportando 37 marcas de diferentes tipos de viños tintos, brancos e en barrica, de diferentes añadas, “para que o público profesional asistente poida degustar a singularidade dos viños de Ribeira Sacra”, explican dende o Consello.
Mañá, ás 14:30h. realiza a cata “El Sabor de un Paisaje” de 8 viños representativos de Ribeira Sacra, no Stand Oficial do ICEX co Programa de Catas de Vinos de España, dentro do Plan General de Promoción de Viños de España en Alemania.