
O pasado sábado 6 de febreiro tíñase que celebrar o Encontro de Folións e Outros Carnavais así como a IV Festa das Sopas de Allo, como preludio do Entroido en Vilamartín de Valdeorras. A pandemia obrigaba á organización, “Os Viticulores”, a suspendelo, pero non están dispostos a deixar pasar esta festa sen pena nin gloria.
Por iso, a Asociación Cultural Folión Os Viticultores propón un concurso de disfraces virtual “coa unha única condición de que sexan realacionados coa viticultura”, puntualizan dende o colectivo.
A idea é que cada participante se saque unha foto dende a casa co seu disfrace, tendo ata o 14 de febreiro, Domingo Gordo, para envialas por privado á páxina do Facebook do Folión Os Viticultores, por WhatsApp ou por Messenger. O luns 15 publicaranse todas as fotos recibidas na páxina e a foto que máis “me gusta” teña será premiada cun agasallo sorpresa. O sábado 20 publicarase o nome do gañador, rematando ese día o concurso.