En portadaÚltima hora

Os viticultores independentes, a lista máis votada no censo A nas eleccións da D.O. Valdeorras

Uns 238 viticultores, o 48% do total, e 29 bodegas (sobre un censo total de 31) exercían o seu dereito ao voto
Un dos momentos da votacións ao CRDO Valdeorras./ Foto: A.R.

En dúas mesas electorais, instaladas nas oficinais comarcais agrarias do Barco e da Rúa, exercían o seu dereito ao voto o 9 de xullo un total de 238 viticultores da Denominación de Orixe de Valdeorras (o 48% do total) e 29 bodegas (sobre un censo total de 31). “En concreto, na mesa do Barco votaron un total de 112 viticultores e 13 adegas e na da Rúa fixérono 126 viticultores e 16 adegas”, segundo os datos que vén de facer públicos o Consello Regulador da D.O. Valdeorras.

Dentro do censo A a lista máis votada era a presentada por vez primeira por un grupo de viticultores independentes que conseguía un total de 80 votos. Despois situábase a candidatura de Unións Agrarias-UPA que sumaba 54, a do Sindicato Labrego-CLL con 52 votos e, finalmente, a da Asociación Agraria de Galicia 50. Deste xeito os tres representantes deste censo que se converterán en vogais serán os candidatos dos Viticultores Independentes, Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego.

No que atinxe ao Censo B (sector industrial) producíase un empate a 14 votos entre as listas da Asociación Agraria de Galicia, encabezada pola Adega Roandi, e a candidatura de Melillas-Coroa. A decisión sobre quen será a lista elixida finalmente tomarase por sorteo na vindeira semana.

Os inscritos no censo C, correspondente a cooperativas, non tiveron que votar porque houbo consenso e os diferentes aspirantes presentaron unha única candidatura.

Artigos relacionados

Back to top button