A RúaConcellosEn portadaÚltima hora

Os voluntarios do proxecto ‘XacobeAndo’ finalizan esta semana a súa estadía na Rúa

O grupo recibía, no CEIP Manuel Respino, a visita da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel

 

A estadía dos voluntarios europeos do proxecto XacobeAndo na Rúa, está a piques de rematar. De feito é nesta mesma semana cando os seis mozos que levan dende o mes de setembro formando parte da comunidade ruesa, rematen o seu traballo.

Por iso, dous días antes de marchar,recibían a visita da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, que asistía na mañá deste mércores 26 de outubro, ás actividades interculturais que se desenvolveron no centro escolar Manuel Respiro coa participación do grupo de voluntarios de diferentes países -dous deles de nacionalidade española e o resto procedente de Letonia, Italia, Estonia e Grecia-. Durante a xornada, estes voluntarios e alumnado de 6º curso de Primaria realizaron actividades lúdicas sobre elementos do Camiño de Inverno e nun obradoiro sobre as emocións. 

 

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, na Rúa.

 

Cristina Pichel, que estivo acompañada do alcalde da Rúa, Álvaro Fernández, destacou a importancia que ten o voluntariado na promoción das rutas Xacobeas, e destacou que con este tipo de iniciativas se cobren dous obxectivos: dar a coñecer o noso patrimonio a persoas de fóra de Galicia e reforzar a atención, difusión, sostibilidade e inclusión dos diferentes camiños de peregrinación a Santiago de Compostela.

A Consellería de Política Social e Xuventude ten en marcha desde o pasado mes de xullo e ata finais deste mes de outubro este programa, a través do cal 80 mozas e mozos chegados de oito países diferentes realizan durante a súa estadía en Galicia actividades en tres ámbitos: Camiño inclusivo; Camiño sostible e Camiño dixital. Deste xeito, axudados por titores e profesionais, colaboran en aspectos como a concienciación ambiental e a posta en valor do patrimonio cultural e natural; a creación de recursos dixitais sobre a experiencia no Camiño; e o acompañamento e integración de grupos de persoas con necesidades especiais.

 

Os voluntarios coa directora xeral e o alcalde da Rúa.

 

No caso da Rúa os  mozos realizaron traballos solidarios no marco do Camiño de Inverno e outras actividades culturais e deportivas vinculadas á Rúa. “Entraron con moitísima ilusión no Concello e falamos dun montón de ideas, algunhas non poden realizarse por falta de tempo pero fixeron moitas cousas, dende sesións de speaking para que a xente da Rúa practicase inglés, ata acompañamento de peregrinos, atención da Oficina de Turismo,…”, puntualiza o rexedor rues agradecido pola iniciativa e “polo traballo dos voluntarios que estiveron cunha ilusión e entrega desmedida. Oxalá sirva de exemplo, como xente de fóra se integra tan ben neste territorio, ensínanos a súa cultura, aproveitanse da nosa e fan as cousas con tanto cariño. Oxalá poidamos repetir en anos vindeiros”.

Pola súa banda, o coordinador do grupo, Ricardo Sieiro asegura que foi unha iniciativa “moi positiva para os voluntarios, para os veciños e para a comunicade educativa”, recoñecendo que os voluntarios “están totalmente integrados na vile a vanse botar de menos”.

Fotos: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button