Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Ourense acolle a asemblea da Asociación de Cidades Termais Históricas de Europa

Na reunión, que se celebrará mañá no salón de Plenos do Concello, participan medio cento de delegados

Coa celebración da asemblea da Asociación de Cidades Termais Históricas de Europa (EHTTA), un cumio que reúne a representantes dos principais territorios termais europeos, a cidade de Ourense convértese estes días na capital europea do termalismo.

No seminario “Cafés de Europa”, foro de debate e innovación en materia termal que precede á celebración da asemblea, o presidente da Deputación Manuel Baltar destacou “as iniciativas de valorización do patrimonio termal da provincia de Ourense que desenvolve o plan Ourense, a provincia termal, remarcando que este proxecto,  “fixa como obxectivo potenciar os recursos turísticos, naturais e culturais de Ourense, para o cal se definiron 71 actuacións para o período 2014-2020, das que o 70 % está xa executado ou en proceso de execución”. Manuel Baltar destacou diante dos representantes termais europeos o potencial e os logros económicos e empresariais acadados pola provincia de Ourense, citando exemplos como o sector vitivinícola; a innovación tecnolóxica que se desenvolve en Tecnópole; a agroindustria; a participación ourensá na liña férrea a La Meca, en Arabia Saudí, e os servizos, “onde a cultura e o termalismo xogan un papel fundamental”.

Na xornada de hoxe debatéronse temas de turismo sostible, xeotermia, experiencias de cooperación no ámbito da auga, aproveitamentos enerxéticos dos mananciais, protección dos recursos naturais e o Plan Termal de Ourense, unha xornada que contou tamén coa participación do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e Giuseppe Bellandi, presidente da EHTTA, quen subliñou a importancia deste cumio “para a posta en común de proxectos termais que suporán unha oportunidade competitiva para os nosos territorios”.

Antes do debate, pola mañá tivo lugar na rúa do Paseo a inauguración da exposición “Itinerario europeo do patrimonio termal”, que fai un percorrido histórico da importancia do termalismo en Europa, poñendo a pé de rúa os importantes valores da cultura termal.

Mañá, xoves 4 de outubro, terá lugar no salón de plenos do Concello de Ourense a celebración da asemblea xeral da Asociación de Cidades Termais Históricas de Europa, na que participan medio cento de delegados, un evento co-organizado pola Deputación e o Concello de Ourense. As actividades abranguen sesións e relatorios sobre a actualidade do termalismo, así como a realización de visitas a diferentes enclaves termais da cidade e da provincia. O venres os participantes visitarán a Ribeira Sacra e o balneario de Laias Caldaria, participando nunha presentación de programas de termalismo.

Artigos relacionados

Back to top button