OurenseÚltima hora

Ourense acollerá unha nova edición de A Bela Auria

A festa histórica celebrarase o 26 de setembro no Xardín do Posío e a praza de San Marcial
Dous membros da organización da festa "A Bela Auria" na presentación.
Dous membros da organización da festa “A Bela Auria” na presentación.

O vindeiro sábado 26 de setembro o xardín do Posío e a praza de San Marcial de Ourense, acollerán a celebración de “A Bela Auria”, a festa histórica que recrea os mellores anos da cultura ourensá (anos 20 do século pasado), incluindo unha bicicletada, concertos, cinema, un mercado creativo, exposicións e diferentes obradoiros, configurando “15 horas de programación cultural gratuíta apta para todos os públicos”. Así o aseguraron Óscar Penín e Rebeca Babarro, membros da organización na presentación do programa que tiña lugar na mañá do 24 de setembro.

Máis de 30 asociacións e uns 50 voluntarios participan na produción desta celebración, que na súa sexta edición, arrancará cun “Bicipaseo” que sairá da praza Maior ás 10:30 horas para facer un percorrido con paradas explicativas en torno á arquitectura modernista de Ourense, con remate no Xardín do Posío, onde dará comezo a parte central do programa. Desde as 12 da mañá, o xardín acollerá un mercado creativo con máis de 20 postos, diferentes obradoiros, exposicións, actuacións musicais, ou xogos tradicionais.

Entre os platos fortes na xornada da mañá, destacan a intervención do contacontos e activista medioambiental, Anxo Moure; e a banda Comando Foucellas, que será a encargada da sesión vermú.

A partir das 13:45 horas dará comezo o xantar popular, que este ano espera reunir a 500 persoas que por 6 euros que custa a entrada poderán degustar un menú composto por empanada, lacón, pan e viño.

Xa pola tarde, os máis cativos serán os grandes protagonistas, con diferentes obradoiros en torno á didáctica do patrimonio, destacando o adicado ao Castelo Ramiro, “o castelo medieval de Ourense, un espazo patrimonial pouco coñecido e practicamente sen investigar”, explican dende a organización, engadindo que as actividades no Posío pecharanse con música e baile, nunha foliada itinerante que dará paso ás actividades da noite, xa na Praza de San Marcial.

A recta final da festa comezará na praza en torno ás 22 horas, coa proxección do filme “Sete ocasións”, dirixido e protagonizado por Buster Keaton, que se visionará musicado en directo pola pianista Irma Fernández. Ao remate do cine, a banda Blues do Pais ofrecerá un concerto que porá o broche final á maratoniana xornada coa súa particular reinterpretación en galego de clásicos do blues.

Artigos relacionados

Back to top button